Abba
Grupo sueco de música pop formado en 1971 e integrado por Agnetha Fältstkog (voz), Frida Lyngstad (voz), Bjorn Ulvaeus (guitarra e voz) e Benny Anderson (teclados, sintetizador e voz). Acadaron sona internacional en 1974 ao gañaren o Festival de Eurovisión co tema Waterloo, que se converteu en número un nos EE UU e gran parte de Europa. Con temas posteriores como Mamma mia, Fernando ou Chiquitita entraron nas listas de vendas de todo o mundo. Interpretaban as súas cancións en inglés, aínda que eles mesmos versionaron algún tema en castelán. O grupo disolveuse en 1981. Na súa discografía destacan: Waterloo (1974), Voulez-vous (1979) e Super Trouper (1980). Durante a década de 1980 os membros de Abba realizaron diversos proxectos en solitario, sen acadar éxito. No 1994, coincidindo co vixésimo aniversario do seu triunfo en Eurovisión, editouse Abba Gold, o primeiro dunha serie de recopilatorios que os volveron colocar nos primeiros postos das listas.