Abbey Theatre

Abbey Theatre

Sala de teatro aberta en Dublín en 1904 co patrocinio de Annie Horniman. Foi sede da National Theatre Society, compañía creada no 1905 a partir do Irish Literary Theatre, fundada en xaneiro do 1899 por William Butler Yeats, Augusta Grégory, Edward Martyn e George Moore. En 1903 pasou a denominarse Irish National Theatre Society trala chegada de Maud Gonne, Arthur Griffith, Padraic Colum, George W. Russell, Douglas Hyde e os irmáns William G. Fay e Frank J. Fay. Durante os primeiros anos a compañía estivo sometida a múltiples tensións debido á súa orientación ideolóxica e ao control da compañía. Despois de abandonos como o de Maud Gonne e outros militantes do Sinn Féin xunto a acontecementos como a partida de Padraic Colum e Edward Martyn (fundadores en 1906 do Teatro de Irlanda), a despedida dos irmáns Fay e a morte de John Millington Synge, W. B. Yeats asumiu a dirección artística da compañía e traballou cos directores de escena Lennox Robinson, Ernest Blythe e Tomás MacAnna. En 1910 Annie Horniman retiroulle o seu apoio á compañía ao se negar a suspender as funcións co gallo da morte do rei Eduardo VII de Inglaterra. Finalmente, o teatro e os dereitos de explotación pasaron a mans irlandesas, baixo o patrocinio de Augusta Grégory. Desde aquela mantivo a súa actividade, promoveu novas iniciativas como xiras polos EE UU, mostras e festivais e abriu unha nova sala experimental, o Peacock Theatre. Como símbolo da cultura irlandesa, a traxectoria do Abbey é un fiel reflexo das tensións a que se viu sometida a República de Irlanda. Os políticos e intelectuais máis comprometidos coa causa da independencia tentaron sempre instrumentalizar as súas producións. Aplaudiron espectáculos como Casadh an tSúgáin (A treixa retorta, 1901), Cathleen ni Houlihan (1902) e textos de Douglas Hyde e W. B. Yeats. Non obstante , a produción de The Countess Cathleen (A condesa Cathleen, 1899), The playboy of the Western World (O mozo que chegou de lonxe, 1907) ou The Plough and the Stars (O arado e as estrelas, 1926) habería provocar graves enfrontamentos dentro da compañía, amais de coa Igrexa Católica e co movemento nacionalista. Boa parte da produción do Abbey recreaba unha Irlanda tradicional fondamente gaélica. Isto fixo que Antón Vilar Ponte e os integrantes do Movemento Dramático Nacional, á hora de importaren modelos para construír en Galicia unha literatura dramática de calidade asentada na tradición e un teatro nacional, virasen os ollos cara a unha nación que consideraban irmá.