ABC

ABC

Diario de Madrid, propiedade da empresa editorial Prensa Española, fundado por Torcuato Luca de Tena en 1905. Foi o sucesor doutro xornal do mesmo nome editado dende 1903. Dirixiron a publicación, entre outros, o propio fundador, o seu fillo Juan Ignacio (1929-1939), José Losada (1939-1947), Ramón Pastor (1947-1952), Torcuato Luca de Tena (1952-1954) e Luis Calvo (1954-1962). En 1998 cesou no seu cargo de director Luis María Ansón que dirixira o xornal dende 1983. Na actualidade exerce a dirección do mesmo Francisco Giménez-Alemán. O xornal pasou por diferentes etapas: no 1928 o fillo do fundador iniciou outra edición en Sevilla; na Segunda República, o goberno incautouse do xornal, xunto coa empresa Prensa Española, e suspendeu a súa publicación. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939) coexistiron a edición de Madrid, republicana, e a de Sevilla, posicionada a favor dos sublevados. Contén, amais doutras, as seccións: “Economía”, “Nacional”, “Internacional”, “Ciencia”, “Cine”, “Deportes”, “Televisión”, “Sucesos”, “Educación” e “Espectáculos”. A empresa editora, amais do xornal, publica a revista Blanco y Negro en forma de suplemento que entrega na fin de semana. Tamén o xornal contén un Suplemento Cultural que sae á rúa os venres. En 1959 organizou unha edición semanal aérea. Dende 1993 a 1998 mantivo aberta unha delegación en Santiago de Compostela, que elaboraba unha serie de páxinas dedicadas a Galicia.