Abreu

Abreu
[HIST/HERÁLD]

Apelido orixinario da parroquia de Monrufe, preto da vila de Valadares. Algúns entróncano coa Casa Real francesa ao consideralo orixinario do condado e vila de Evreus (Normandía), quizais por empregárense primeiro as formas Evreus ou Ebreus. Sen embargo, a súa presenza en Galicia parece moito máis antiga; así, nunha escritura de doazón que fixo a infanta dona Urraca á igrexa de Tui o 13 de xaneiro de 1071, concede entre outros bens a facenda propiedade de Vasco Nuñez de Abreu. Gonzalo Rodríguez de Abreu, un dos cabaleiros que saíron de Galicia acompañando ao conde don Henrique nas conquistas de Portugal, fundou casa na Torre de Abreu, na provincia entre Douro e Minho, de onde descenden os condes de Regalados. Outros Abreu estendéronse por Aragón, Andalucía, Castela, Catalunya e América. As primitivas armas desta liñaxe levaban, en campo de ouro, unha banda de goles acompañada de dous leóns rampantes de azur. Máis tarde apareceron, en campo de goles, cinco voos de aguia de ouro postos en aspa, levando por timbre outra á de aguia estendida. Hai variantes que presentan estes mesmos voos, en campo de sinople, amais doutros cinco voos da mesma cor postos en aspa, en campo de prata. Outra variante leva, en campo de ouro, unha banda de goles, acompañada de dous leóns rampantes, de azur.