Abreu Bastos, Antón
Pintor.
Comezou a debuxar e pintar na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Emigrou a Arxentina en 1947 onde coñeceu a Demetrio Urruchúa, pintor e mestre con quen iniciou os estudos de pintura e traballou durante oito anos. En 1959 fundou e dirixiu a Escola de Belas Artes “Divisadero”. Exerceu a docencia xunto á súa muller, a tamén pintora Elsa Pérez Vicente. Un ano máis tarde, xunto con Óscar Anadón, Rubén Molteni, Hugo Monzón, Carlos Gorriarena, Silvia Vera Ocampo, Elsa Pérez Vicente e Emilia Gutiérrez formou o Grupo da Prata, adherido ao movemento expresionista.
Regresou a Galicia en 1973 e instalouse en Vigo onde coñeceu a Urbano Lugrís, Celso Emilio Ferreiro, Lodeiro, Oliveira e Xavier Pousa, entre outros. Recibiu a Primeira Mención en gravado, Salón Nacional de Bos Aires (1961); o Premio a Estranxeiros Pintura, Salón Nacional de Bos Aires (1962); o Premio Diario La Nación XIV, Salón do Debuxante (1965); o III Premio Salón de Otoño de Madrid (1977) e II Premio na V Bienal Nacional de Pontevedra (1979), entre outros.
Destacan as súas antoloxías acollidas polo Centro Cultural Caixavigo (Grandes Artistas Galegos,1990) e pola Casa das Artes (1998).
En 1992 foi nomeado “Vigués Distinguido” polo Concello de Vigo e no 1996 asesor artístico do Museo Quiñones de León de Vigo, conxuntamente con Antonio Quesada e Xavier Pousa.
A súa obra espállase por institucións e coleccións privadas de Galicia e por diversas cidades de España, Arxentina, Francia, Brasil e Suíza.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Matamá, Vigo -
Falecemento
Lugar : Vigo