Abril Perez

Abril Perez

Xograr probablemente galego. A interpretación máis aceptada na actualidade sobre a súa orixe é a que o identifica cun xograr do séquito da poderosa liñaxe dos Sousas, se ben segundo outras interpretacións seica foi un burgués compostelán ou mesmo un neto de Afonso Henriques. Os apógrafos italianos atribúenlle un único texto, pertencente ao xénero dialogado da tenzón no que se desenvolven os motivos da coita de amor e da defensa das donas respectivas como posuídoras dun gran valor. O máis destacable desta composición é o diferente nivel lingüístico que empregan cada un dos interlocutores. Así, mentres Bernal de Bonaval se expresa nunha lingua coloquial e modesta, Abril Perez emprega unha linguaxe coidada e solemne. Trátase dunha cantiga de mestría de seis cobras dobras con esquema unisonante de sete versos decasílabos con rima ababccb.