Abu Simbel
Xacemento arqueolóxico de época faraónica situado na beira occidental do Nilo a uns 60 km ao NO do uadi Ḥ alfā (fronteira entre Exipto e Sudán). Consta de dous speos do reinado de Ramsés II (XIX Dinastía, Imperio Novo), o maior consagrado a Ramsés (Amón) e Ra-Harakté e o pequeno dedicado a Nefertari, esposa principal do faraón (Hator). Ambos os dous templos son claros expoñentes das monótonas tendencias artísticas que prevaleceron na arte exipcia a partir do seu reinado, en especial no período ramésida: monumentalismo (colosos da fachada), rutina na concepción e execución groseira (caso dos recheos); salientan algunhas composicións pola súa coidada concepción (pinturas da batalla de Kadeš). Coa intervención da UNESCO e unha importante participación de especialistas da Unión Soviética, ambos os dous monumentos foron trasladados e reconstruídos (1963-1972) a 64 m da súa situación orixinal co obxectivo de salvalos do asolagamento no Nilo, no lago Nasser, formado a causa da construción do novo encoro de Asuán; esta actuación constitúe un exemplo sobranceiro da denominada arqueoloxía de salvamento.