Acción Ciudadana Gallega de Orense
Organización política de carácter conservador e católico, constituída oficialmente en Ourense o 8 de novembro do 1931, nunha xuntanza celebrada no Círculo Católico da cidade por iniciativa de destacados membros da burguesía local (comerciantes, propietarios, militares retirados, etc). Tiña como obxectivo o agrupamento do movemento conservador provincial baixo unhas únicas siglas, introducíndose no recén estreado xogo democrático da Segunda República como partido eminentemente católico, social e agrario, unificador de todas as clases sociais, sen restricións económicas ou laborais. Foi o primeiro grupo de significación dereitista aparecido en Ourense, e non tivo intención de estenderse polas demais circunscricións galegas. No seu programa político defendeu a liberdade de ensino e a pervivencia do sistema bicameral, empregando o Senado como a Cámara gobernativa representativa da vella organización política, protagonista política antes da proclamación da República. Sen dúbida, o obxectivo máis ambicioso desta nova organización foi a pretensión de revisar a Constitución da Segunda República; buscaba un concordato que regulase as relacións entre o Vaticano e o Estado, para eliminar as posibles interferencias dun nos asuntos doutro e tratando de prever o laicismo republicano.