Accra
Capital de Gana (949.113 h [1988]). Situada na Costa do Ouro do golfo de Guinea, está formada pola cidade residencial de James Town, o centro comercial de Ussher Town, os edificios administrativos de Victoriaborgt e o castelo de Christiansborg, residencia do gobernador. A actual cidade desenvolveuse ao redor de tres núcleos do s XVII: Fort James (actualmente prisión), fundado polos ingleses en 1673; Fort Crèvecoeur, polos holandeses en 1650 e que cando pasou a Gran Bretaña en 1871 pasou a designarse co nome de Ussher; e o castelo danés de Christiansborg, que pasou aos ingleses no ano 1850. Accra foi a capital da Costa do Ouro dende o ano 1876, desenvolvéndose sobre todo a partir de 1909, cando mellorou as súas comunicacións coas rexións produtoras de cacao. É o núcleo administrativo e comercial do país, comunicado por estrada cos importantes portos de Tema e Takoradi, ao tempo que centro industrial (industria téxtil, química, de maquinaria, de material de construción, alimentaria, do cacao) e universitario (University of Ghana).