Acevedo e Zúñiga, Manuel de
Sexto conde de Monterrei. Fillo de Gaspar de Acevedo e Zúñiga e de Inés de Velasco. Gozou da amizade dos grandes artistas da época como Velázquez, o Españoleto, ou Lope de Vega, quen lle dedicou La mañana de San Juan. Sen demasiada destreza no eido militar, acadou postos relevantes na corte de Filipe IV grazas á mediación do seu cuñado e curmán, o Conde-Duque de Olivares. En 1628 outorgóuselle a grandeza de España e pasou a se converter en Xentilhome de Cámara do Rei. Foi Embaixador en Roma, Vicerrei de Nápoles, Xeneral en Xefe do exército que loitou en Extremadura fronte aos portugueses e Presidente do Consello de Estado, do de Guerra e do de Nápoles. O seu servizo á Corte e ao Rei fóra de Galicia significou un afastamento progresivo da súa liñaxe con respecto á terra. Co tempo, a condesa Isabel de Zúñiga e Fonseca, sétima titular do condado, morreu sen sucesión, pasando o señorío de Monterrei a Catalina de Haro e Guzmán que, ao emparentar cos duques de Alba, desvencellou definitivamente de Galicia o condado. Finalmente, pasou aos Álvarez de Toledo.
Cronología
-
Deceso