Aconcagua
Cumio dos Andes meridionais, o máis elevado de América, na provincia de Mendoza, Arxentina, á beira da fronteira con Chile (6.959 m). Fórmano dous curutos unidos por unha crista dun km de lonxitude, cunha aba norte que descende suavemente e un salto de 3.000 m na vertente sur. A súa forma cónica dálle apariencia de volcán. O límite inferior das neves, que se acumulan nos flancos alimentando glaciares, atópase na solaina (norte) nos 6.000 m; sen embargo, no avesío (sur) o límite chega aos 4.600 m. A primeira ascensión ao Aconcagua fíxoa no ano 1897 o guía suízo Mathias Zürbriggen. No ano 1954 unha expedición francesa, dirixida por R. Ferlet, realizou a primeira ascensión pola vertente sur, feito que aínda se considera como un dos grandes éxitos do alpinismo.