Açores, Ilhas dos
Arquipélago de orixe volcánica do oceáno Atlántico, situado a 1.380 km ao O do cabo da Rocha, que se estende ao longo de 600 km aproveitando unha fractura dirección NO-SL. Comprende as illas maiores de São Miguel, Terceira e Pico. Constitúe unha rexión autónoma de Portugal (2,247 km2; 253.000 h [estim 1989]) dende 1980. A capital é Ponta Delgada, na Ilha de São Miguel. O arquipélago apóiase sobre unha plataforma suboceánica, o altiplano dos Açores. A orixe volcánica provoca un relevo moi montañoso e costas escarpadas. De clima oceánico temperado, recibe máis de 800 mm de precipitación media anual e rexistra unhas temperaturas suaves que oscilan entre os 14°C de temperatura media do mes máis frío e os 22°C do máis cálido. A fertilidade do solo fai que a agricultura sexa a principal actividade económica (millo, ananás, chicoria, tabaco, té, cereais, cítricos). A gandería, ao aproveitar prados artificiais, deu lugar ao desenvolvemento dunha industria láctea que exporta queixos e manteiga especialmente ao mercado portugués continental. Pico e Faial son os máis importantes portos pesqueiros das illas. Os seus portos e aeroportos internacionais serven de escala nas rutas transatlánticas. Tamén hai unha base das forzas aéreas dos EE UU.