Acre

Acre

Cidade e porto de Israel, situada na chaira costeira que bordea a badía de Haifa (37.200 h [1988]). Centro industrial, comercial e turístico. Durante a primeira cruzada (1104) foi ocupada polos cabaleiros de San Xoán e convertérona, co nome de San Xoán de Acre, no baluarte dos cruzados en Terra Santa. Saladino conquistouna na ofensiva islámica contra os cruzados (1187). Volveu ser novamente cristiá durante a terceira cruzada (1191). Foi a derradeira praza que caeu nas mans dos musulmáns (1291), baixo o sultán Al-Asraf. A fortaleza é un dos máis grandes monumentos medievais de Palestina. Dende 1948 pertence ao estado de Israel.