acumulador -ra

acumulador -ra

(< acumular)

  1. adx

    Que acumula.

  2. s m

    Aparello ou instalación que recolle ou almacena a enerxía nalgunha das súas formas (mecánica, calorífica, eléctrica) e que a pode restituír, con perdas, segundo as necesidades.

  3. s m [FÍS/ENX]

    Aparello capaz de transformar a enerxía eléctrica que recibe en enerxía química para devolvela despois, aínda que con algunhas perdas. Chamada tamén pila secundaria, está formada por dous electrodos mergullados nun baño común; un fai de placa positiva e outro de placa negativa. Existen diversos tipos de acumuladores. O acumulador de chumbo, o máis corrente e coñecido, foi ideado por G. Planté en 1859 e está constituído por dúas placas de chumbo, somerxidas nun baño de ácido sulfúrico (H 2 SO 4 ) de 24 a 28° Beaumé de densidade. Ao cargarse a placa positiva transfórmase en peróxido de chumbo (PbO 2 ), mentres que a negativa convértese en chumbo poroso. Ao descargarse a través do circuíto exterior, o PbO 2 redúcese a PbSO 4 e o Pb oxídase a PbSO 4 . As placas quedan, pois, sulfatadas e deben descargar para volver ao estado inicial. Durante a carga a forza contraelectromotriz chega ata 2,5 V ao final; mentres dura a descarga mantense a uns 2 V bastante tempo, pero ao fin baixa axiña ata 1,85 V. Dá uns 30 Ah por kg de peso (40Wh/kg en enerxía), ten un rendemento en cantidade do 90% e en enerxía do 60 ao 70%. É moi empregado en vehículos en forma de baterías de 3 (6 V), 6 (12 V) ou 12 (24 V) elementos. O acumulador alcalino emprega un electrólito básico en lugar de ácido, xeralmente unha disolución de potasa (KOH). O máis antigo é o de níquel-ferro (Ni-Fe) ou acumulador Edison, ideado por Edison en 1908 e formado por unhas placas positivas de níquel e unhas negativas de ferro; actualmente estes últimos son de cadmio e ferro, acumulador de níquel-cadmio (Ni-Cd), co que queda mellorado. É máis rexo e resistente ca o de chumbo, e tamén menos pesado e voluminoso, pero só dá 1,25 V. Descarga 45 Ah/kg e ten unha duración de vida superior ao chumbo. Emprégase sobre todo nas instalacións fixas. Fabrícanse completamente estancos e miniaturizados para ser instalados en aparellos electrónicos transistorizados, máquinas portátiles, pequenos electrodomésticos e demais; son de forma cilíndrica, semellantes ás pilas, ou ben son de pouca altura, en forma de botón ou de moeda, e poden ser gardados facilmente. Outro acumulador alcalino é o acumulador de prata-zinc, ideado por H. André en 1941, no que as placas positivas son de prata en po con óxido de prata e as negativas, de zinc. Dá 1,5 V, ten un rendemento elevado pero unha duración de vida moi curta.

  4. s m [INFORM]

    Rexistro dunha unidade aritmética que conta sucesivamente un operando e o resultado dunha operación. Os ordenadores adoitan ter máis dun e poden empregar posicións da memoria como acumuladores.

  5. acumulador de audiencia [COMUN]

    Aparello que mide os incrementos de audiencia dunha mensaxe publicitaria conforme se vai producindo a súa emisión nun soporte ou grupo de soportes de comunicación, durante un período de tempo determinado.

  6. acumulador de calor [FÍS]

    Masa sólida ou líquida capaz de ser quentada nun momento dado, para ceder posteriormente a calor. A materia acumuladora, substancia dunha calor específica elevada (auga, aceite, salmoira), dunha calor latente elevada (sales de baixo punto de fusión) ou materiais baratos e cunha grande superficie de contacto (anacos de cerámicas, tixolos ou pedras), está contida dentro dun recipiente soterrado e illado termicamente. Emprégase en certos sistemas de calefacción.

  7. acumulador cinético de enerxía [FÍS/IND]

    Órgano dunha máquina capaz de acumular enerxía cinética e cedela, sexa para provocar un movemento, sexa para compensar as flutuacións de velocidade motivadas por un aparello de rexime motor non constante.

  8. acumulador hidráulico [FÍS/IND]
    1. Aparello para acumular auga ou outros líquidos a presión. Xeralmente consiste nun dispositivo reforzado, en forma de cilindro, pechado hermeticamente, e que está alimentado por unha bomba que se para automaticamente ao acadar o mecanismo unha presión determinada.

    2. Aparello concibido para manter unha presión mínima de seguridade dentro dun circuíto hidraúlico ou pneumático. Consiste nun cilindro metálico, cun émbolo ou unha membrana elástica que delimita no seu interior dúas cámaras de volume variable: unha chea dun gas a presión (nitróxeno, helio) e a outra en comunicación co circuíto.

  9. acumulador de aire comprimido [TECNOL]
    1. Dispositivo que está cargado de aire a presión por un compresor que traballa en réxime case continuo; serve para alimentar unha rede de distribución de aire comprimido de emprego intermitente.

    2. Grande depósito soterrado, xeralmente natural, tipo cova, mina ou semellante, que está cargado con aire a presión mediante un compresor alimentado polos excedentes de corrente dunha central eléctrica, nas horas de baixo consumo.

Palabras veciñas

acuminado -da | acumulable | acumulación | acumulador -ra | acumular | acumulativo -va | Acuña