acusativo -va

acusativo -va

(< lat accusatīvu)

  1. adx

    Dise do que serve para acusar ou que está relacionado coa acusación.

  2. s m [LING]

    Caso gramatical da declinación latina e doutras que ten unha íntima conexión coas nocións de transitividade e intransitividade. O termo actual é de tradición romana e froito da confusión. Para os gregos era o caso que expresaba a relación de causa-efecto. Nas gramáticas de corrente tradicional, perdura aínda o concepto de que expresa o complemento directo do verbo, naturalmente transitivo. Oposto aos outros casos, o acusativo, xunto co nominativo, é un caso que abrangue o substantivo en toda a súa extensión, mentres que nos outros se designa só un aspecto accidental dentro do proceso verbal. Oposto ao nominativo, sinala a polaridade pasiva ou de efecto. O acusativo latino espallou o seu campo a costa de construcións sintácticas con outros casos, empregando incluso a preposición. Esta amplificación pasou ás linguas románicas que tomaron do acusativo latino a maior parte das palabras que tomaron para si, unha vez producida a perda da distinción de casos e a utilización do artigo e da preposición con acusativo, como substitutos destes.

  3. complemento acusativo [LING]

    Complemento directo.

Palabras veciñas

acusado -da | acusador -ra | acusar | acusativo -va | acusatorio -ria | acusón -na | acústico -ca