ADENCO
Agrupación creada en 1990 como asociación xuvenil para a defensa do medio ambiente e promoción do asociacionismo xuvenil no concello de Ponteareas. Estivo presidida por Roberto Mera (1990-1997) e Xosé Barcía Iglesias (1997). Nos primeiros tempos organizaron campañas de ámbito local a prol da reciclaxe, da supresión de vertedoiros de lixo ilegais e da queima de residuos e vertidos ao río Tea, actuando como grupo comarcal. Tamén promoveron campañas como a defensa do saneamento do río Tea, para a que convocaron unha manifestación en 1994, e lideraron a oposición en contra do Salto do Sela organizando un encontro galego-luso de grupos ecoloxistas que habería dar lugar á plataforma luso-galega, na cal se integrou. Desde 1994 forma parte da Federación Ecoloxista Galega e coordina as campañas do movemento ecoloxista nesta terra. Publica trimestralmente un boletín e, anualmente, a revista O Cogumelo sobre temas ambientais.