Adriático, mar
Mar anexo ao mar Mediterráneo, entre a Península Itálica e a Península Balcánica, e do golfo de Venecia á canle de Otranto, seguindo unha dirección xeral NO-SL. A superficie ronda os 132.000 km2 (800 km de lonxitude; de 92 a 220 km de anchura). Ao N do Gargano, unha liña de illas (arquipélago das Tremiti, illas Pianosa e Palagruza) sinalan a presenza dun límite que divide o Adriático en dúas concas. A conca meridional alcanza 1.645 m de profundidade á altura da liña Bari-Durrës. A conca setentrional é menos profunda, 1.200 m. O clima é mediterráneo e os ventos característicos son o bora e o siroco. A auga, intensamente azul, ten salinidade baixa ao N, a causa das masas de auga doce aportadas polos ríos, pero aumenta fortemente en Ancona e despois, máis lentamente, ata o estreito de Otranto. O litoral de Dalmacia é paralelo á estrutura, que submerxe parcialmente baixo o mar: illas alongadas paralelas á costa representan a miúdo anticlinais. No litoral albanés a estrutura é transversal á costa. A pesca adriática é moderada: sardiña, bocareu, atún, e nas augas superficiais do N, tamén cangrexos, gambas e ostras. Pola súa configuración alongada, o Adriático, foi historicamente, un camiño de enlace -comercial e cultural- entre a Europa central e o Oriente. Venecia chegou a ser a capital política e comercial do mar (ss XI-XV). Cara ao 1600 Split, baixo o control de Venecia, converteuse no enlace comercial entre esta cidade e Oriente. Xa no s XIX, a derrota de Napoleón beneficiou ao imperio austro-húngaro que, coa incorporación de Lombardía, Venecia e Dalmacia, durante máis de cen anos (1815-1918) dominou o mar. A creación de Iugoslavia (1918) estableceu un novo equilibrio, pero o novo estado tivo que afrontar a expansión da Italia de Mussolini en Fiume (1924) e en Albania (intervención iniciada en 1927). A chamada cuestión adriática parecía quedar resolta en 1954 coa división do territorio de Trieste entre Italia e Iugoslavia. Non obstante , a desintegración de Iugoslavia (1991) principiou unha loita entre Croacia, Bosnia e Serbia co obxectivo de obter máis territorios na costa adriática, que se resolveu a prol dos croatas, quen controlan prácticamente toda a franxa litoral da Antiga Iugoslavia, a excepción duns 100 km baixo a soberanía da República Federal de Iugoslavia, en Montenegro, e uns 22 km en Eslovenia.