aeroporto
(< aero- + porto < gr ἀήρ, ἀέρος ‘ar’ + lat portu ‘porto’)
Aeródromo provisto de instalacións e servicios permanentes que asisten con regularidade o tránsito aéreo e que permiten o aparcamento, o mantemento e a reparación das aeronaves, como tamén o embarque e o desembarque de pasaxeiros e de carga. A transformación do aeródromo en aeroporto prodúcese coa instauración das liñas aéreas regulares, pouco tempo despois da Primeira Guerra Mundial. O tipo de tránsito que debe ser atendido por un aeroporto é o que determina as características. Así as liñas aéreas de categoría local (300-800 Km) empregan avións que requiren pistas duns 1.100-1.500 m de lonxitude e de 10-15 t de resistencia máxima por roda, mentres que as grandes liñas intercontinentais empregan aparatos que requiren pistas duns 2.200-4.000 m de lonxitude e de 45 t de resistencia. Por outro lado, a diferenza cualitativa entre un aeroporto local e un internacional está non soamente nas pistas, senón nos servicios de navegación aérea, de mantemento e de reparación das aeronaves e na infraestrutura de acceso das cidades máis próximas. Xeralmente, un aeroporto está provisto dunha ou dúas pistas principais de aterraxe e de despegue, orientadas habitualmente segundo os ventos dominantes, e de algunha ou algunhas pistas secundarias. Os servicios de navegación aérea dos aeroportos, centralizados na torre de control, guían a aeronave dende a entrada á súa zona de control ata a súa saída, e ordenan o tránsito aéreo nas proximidades do aeroporto dirixindo as operacións de aterraxe e despegue. Os controladores aéreos son imprescindibles e o éxito do seu cometido reclama todos os avances tecnolóxicos: radiobalizamento, radares de extensión variable e panorámicos, telecomunicacións e ordenadores. O desenvolvemento deste axuste ten posibilitado a aterraxe sen visibilidade (sistemas ILS, Instrumental Landing System, e MLS, de guía con microondas). A complexidade de todo o proceso de vixilancia e de guía, obriga a manter contactos seguidos co centro estatal de control do espazo aéreo. A torre de control facilita toda a información útil para a realización eficaz dos voos: decide como se debe efectuar unha aterraxe ou un despegue determinados e ordena a suspensión e a recuperación das operacións aéreas no aeroporto. As estacións terminais de pasaxeiros e carga dispoñen, ademais dos servicios administrativos e técnicos do aeroporto (aduana, policía, sanidade etc), dos medios necesarios para o público (información, restaurante e salas de espera). As terminais centralizadas, nas que os viaxeiros e a carga se trasladan en vehículos ata o avión, van sendo substituídas por complexos peiraos satélite, unidos á estación terminal por túneles de acceso. Diante dun destes peiraos de embarque-desembarque, colócase un avión no que entran directamente os pasaxeiros mediante pasarelas telescópicas cubertas. Os servicios de mantemento e reparación de aeronaves teñen coidado do funcionamento dos sistemas e das pezas que poden influír sobre a seguridade da navegación aérea. O feito de que, por cuestións de rendibilidade, as aeronaves non poidan ser enviadas a reparar aos talleres do fabricante ou do comercializador, obriga aos aeroportos a manter servicios de reparación de certos compoñentes eléctricos, electrónicos ou mecánicos dos avións. Por mor do consumo de combustible dos avións a reacción, téndese a derivar cara aos aeroportos pólas dos oleodutos. Os servicios de mantemento e de reparación dispoñen dos hangares necesarios. Os servicios xerais comprenden os servicios contra incendios, os servicios sanitarios de urxencia e os equipos de mantemento xeral do aeroporto. En Galicia hai tres aeroportos e un aeródromo. O aeroporto internacional de Lavacolla, en Santiago de Compostela, rexistra o maior número de pasaxeiros (1.384.556 en 1997) e ofrece, entre outros, voos regulares a París, Londres, Amsterdam, Frankfurt, Copenhaguen, Nova York, Washington, A Habana, Río de Xaneiro, Bos Aires, San Paulo, Cancún e Santo Domingo, ademais dos destinos peninsulares e dos arquipélagos canario e balear. Situado a 10 km do centro da cidade, inaugurouse en 1946 a partir dun aeródromo preexistente no lugar. As súas instalacións foron reformadas en 1964 e en 1991, adaptándose ás necesidades do tráfico crecente. Dispón dende 1998 de acceso por autovía. O aeroporto de Peinador, no concello de Vigo, é o segundo de Galicia en volume de pasaxeiros (556.486 en 1997). Inaugurado en 1954, tamén pola adaptación dun aeródromo previo, foi reformado en profundidade en 1997. Na actualidade acolle liñas regulares coas principais cidades españolas, con Frankfurt e París, e conéctase coa cidade por autovía e autoestrada libre de peaxe. Alvedro, o aeroporto que dá servizo á área metropolitana da Coruña, no concello de Culleredo, é o terceiro da Comunidade Autónoma en número de usuarios (405.068 en 1997) con liñas regulares aos principais aeroportos peninsulares, a Londres e París. Por último, en Lugo atópase o aeródromo das Rozas.
Ex: Fun ó aeroporto de Vigo para ver aterrar os avións.
Confrontacións
aeródromoCitas
- Fun ao aeroporto de Vigo para ver aterrar os avións.