Afons’ Eanes do Coton

Afons’ Eanes do Coton

Segrel galego supostamente orixinario de Negreira e de cronoloxía sen confirmar. Sábese que en 1246 participou na toma de Jaén, na súa condición de escudeiro; non obstante con respecto á súa categoría social, parece mellor consideralo como segrel en base á súa vida disoluta. O momento de maior produción artística (1240-1250?) dáse na Corte de Fernando III onde coincide con outros trobadores como: os portugueses Martin Soarez, Roi Gomez de Briteiros, Gonçal’ Eanes do Vinhal e Johan Soarez Coelho, e os galegos Pero da Ponte e Pero Garcia d’ Ambroa. Cultivou os tres xéneros maiores da lírica galego-portuguesa, cun total de vinte e unha cantigas atribuíbles, e outra máis de dubidosa adscrición, conservadas nos cancioneiros copiados en Italia, no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana: unha cantiga de amor, tres de amigo, dezasete satíricas (dezaseis de escarnio e maldicir e unha tenzón) e outra incompleta que non nos permite precisar o xénero ao que pertencería. Entre as cantigas de mestría e de refrán hai equilibrio numérico, aínda que nas sátiras predomina a máis considerada cobra carente do popular refrán. Na única cantiga de amor o trobador láiase por deixar a súa dama, pois sabe que nunca será quen de atopar nada mellor na súa vida. Nas cantigas de amigo (unha dialogada) asístese á coita do home por mor da súa namorada agás a tamén atribuída a Pai Soarez de Taveirós na que a voz feminina expresa a súa típica queixa pola marcha do compañeiro. As sátiras son as composicións máis características deste segrel, famoso polo abondoso tratamento que fixo do tema sexual, recorrendo en moitas ocasións ao uso da ironía. Nunha pídelle consello a unha abadesa sobre o acto do coito cun vocabulario obsceno e directo, mesmo blasfemático; noutra manifesta o seu desacordo co feito de prestarlle servicios (sexuais) a unha muller sen que ela llos pague monetariamente; noutra acusa a unha soldadeira de lesbianismo e noutra gábase por ser el quen deixou embarazada a súa propia compañeira, nunha mensaxe moi afastada da sutileza do amor cortés. Noutra cantiga ataca a un coñecido seu porque a nai, de familia nobre, lle dera outro irmán froito dunha relación espuria cun desprestixiado home de clase vilá e noutra a unha soldadeira por manter unha relación (sexual) cunha vella. Outros tres textos buscan a hilaridade no tema universal da vellez e tamén ten mofas dirixidas a: un avarento esaxerado que, pensando non perder o valioso animal, corta carne directamente dunha vaca viva; un médico que non entende da profesión; uns romeiros mentirosos que presumían altiva e falsamente perante os demais de teren loitado en Terra Santa; ou ao trobador Sueir’ Eanes por ser tan mal compositor lírico que só igualaba os seus versos se o xograr encargado de reproducilos os corrixía por casualidade. Nun escarnio de amor denuncia a mala vida que el mesmo leva causada pola muller que ama. Nunha cantiga epigramática confésase tan feo como Joan Fernandez, aínda que non tanto como Pero da Ponte sen roupa, que enlaza con outra, fragmentaria na que critica maliciosamente na forma da cabeza ao propio Pero da Ponte -co que comparte a súa tenzón- por pedir doazóns a cambio do seu traballo, actitude contraria ao rango de trobador que tiñan por ser escudeiros. Outra cantiga, mal conservada, parece ser unha nova sátira literaria ou social dirixida a outros trobadores. Quedan fóra dúas que, malia seren atribuídas a Afons’ Eanes do Coton no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, semellan ser máis ben da autoría de Pero Viviaez segundo se ve no Cancioneiro da Biblioteca Nacional. En canto á métrica, a maioría dos versos teñen dez sílabas; hai algúns casos de oito, sete e nove sílabas. As rimas distribúense en sete cantigas seguindo a estrutura abbacca; en cinco, ababcc ou ababCC; en tres, aaabaB ou aaaBaB; en tres, ababccb; nunha, abbcca, abbaaaa, ababcca, ababBCB. Só o penúltimo ten dúas findas, actuando unha como remate da intervención de cada un dos interlocutores da tenzón. Predominan as cobras singulares, con dúas excepcións: un caso de cobras unisonantes e outro de cobras dobras, ademais das catro cantigas fragmentarias e das dúas epigramáticas. Os recursos formais máis empregados son as cobras capdenais e a rima derivada, amais das cobras capfinidas e capcaudadas, mentres que a correspondencia paralelística, a palabra rima ou a palabra volta, aparecen en poucos casos.