Afonso I de Aragón o Batallador
Rei de Aragón e Navarra (1104-1134). O Reinado de Afonso I caracterízase pola ampliación dos territorios que herdara dos seus pais Sancho Ramírez e Felicia de Roucy (Navarra) e de Pedro I de Aragón. Cara a Oriente cómpre salientar a conquista de terras musulmanas (Lleida, Tamarit e Valtierra) antes de 1109, ano da morte de Afonso VI de Galicia e León, feito que muda o seu interese político cara a Occidente. Ameazado polos almorábides, Afonso VI optou por casar a súa filla Urraca con Afonso I, acordando a mutua cesión dos reinos respectivos e fixando, en caso de falecemento dalgún deles, unhas normas sucesorias que só gardaban os dereitos de Afonso Reimúndez no caso de que a parella non tivese descendencia. Non obstante , o matrimonio contou coa oposición da nobreza e clero galegos, temerosos do nacemento dun novo herdeiro que desbancase a Afonso Reimúndez. Os nobres, agrupados en torno a Pedro Froilaz -conde de Traba e titor do infante-, proclamaron Rei de Galicia a Afonso Reimúndez VII (consagrado por Xelmírez en Compostela en 1111) sen a aprobación de Urraca, o que provocou que Afonso I armase un exército coa intención de invadir Galicia. Dende a súa base en Lugo tomou o castelo de Monterroso, onde apresou a varios bispos, mais ten que fuxir diante da resistencia da nobreza galega. No 1111 a xerarquía eclesiástica galega, co pretexto do parentesco afastado entre Afonso e Urraca, acada do Papa Pascual II a nulidade do matrimonio rexio. Afonso I derrotou a Urraca -que nese momento apoiaba a seu fillo no trono-, na Batalla de Villadangos (1112), logrando así a sinatura da Concordia de Peñafiel, un novo pacto matrimonial. No ano 1113, aliados Afonso VII e Urraca e apoiados polos condes galegos, foi derrotado no sitio de Carrión, o que obrigou ao rei navarro-aragonés a retirarse en 1114 e a renunciar aos seus proxectos expansionistas no oeste da Península Ibérica para proseguir a conquista de terras musulmanas no leste ibérico que deixara nun segundo plano dende 1109. A reactivación da expansión por Oriente comezou coa ocupación de Morella en 1117 e coa celebración do Concilio de Tolosa, no que convocou os baróns languedocianos para unha cruzada contra Zaragoza -onde entrou en 1118- no transcurso da cal ocupou Tudela (1119), Tarazona e Calatayud (1120). Venceu a un forte exército de almorábides en Cutanda e logo dirixiuse ao Al-Andalus. Moitos mozárabes andaluces e valencianos alistáronse nas súas tropas e repoboaron as terras do Ebro e do Jalón; os mozárabes que quedaban no Al-Andalus foron deportados ou exterminados. Conquistou Fraga e chegou ata Gardeny (1123), sobre Lleida, o que provocou un acordo con Ramón Berenguer III de Barcelona (1126), tanto polas delicadas cuestións suscitadas á morte de Urraca entre el e Afonso VII de Galicia e León como por fricións xurisdicionais con zonas da conquista reservadas ao barcelonés e polos feudos languedocianos. Finalmente, a súa derradeira batalla foi co obxectivo da toma de Lleida (conquista do Ebro e toma Mequinenza, en 1133), pero Alī ibn Yūsuf venceuno en Fraga sen que a puidese recuperar. Por disposicións testamentarias deixaba os seus reinos ás ordes militares do Santo Sepulcro, dos Hospitalarios e do Temple; esta resolución non foi aceptada pola nobreza aragonesa, que a impugnou e elixiu un rei propio: o irmán de Afonso I, Ramiro; os navarros, pola súa banda, escolleron a García IV de Pamplona; e, por último, o “reino zaragozano” quedou en poder de Castela.
Cronología
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Poleñino