Afonso Lopez de Baian
Trobador portugués da segunda metade do s XIII, pertencente a unha das máis antigas e prestixiosas familias do Reino de Portugal que se implantou na zona comprendida entre os ríos Douro e Támega. A Primeira Crónica General e o Livro del Repartimiento de Sevilla menciónano como un dos participantes nas conquistas de Jaén (1246) e Sevilla (1248), polo que recibiría de Afonso X herdades como pago á súa colaboración no proceso de Reconquista. De regreso a Portugal, e durante o Reinado de Afonso III, foi Tenente de Bragança, Alcaide de Alenquer e Gobernador das terras de Sousa (1253-1277) e da comarca de Riba de Minho (1277-1280). Antes de 1251, e en data incerta, casou con Mór Gonçalves, sobriña do trobador Garcia Mendiz d’ Eixo e unha das famosas ‘netas do conde’ Mendo Gonçalves I de Sousa, célebres pola mención que delas fai Martin Soarez na cantiga satírica “Pois bõas donas son desemparadas”, na que este autor critica o rapto de Elvira Anes de Maia (filla de Guiomar Mendes de Sousa) por parte de Roi Gomez de Briteiros. A súa actividade poética desenvolveuse, xa que logo, na Corte castelá de Fernando III, na do seu fillo (aínda infante) Afonso X e na de Afonso III de Portugal. Os manuscritos transmiten un total de dez cantigas da autoría do señor de Baián, repartidas por xéneros do seguinte xeito: dúas cantigas de amor -presentes, ademais de nos apógrafos italianos, no Cancioneiro da Ajuda-, catro de amigo e catro cantigas de escarnio e maldicir. A unha destas últimas, concretamente á que comeza “En Arouca a casa faria”, respondulle o almirante pontevedrés Pai Gomez Charinho na composición “Don Afonso Lopez de Baiam quer”. Os textos do rexistro amoroso pertencen todos á tipoloxía da cantiga de refrán e desenvolven os temas convencionais da tradición lírica peninsular: a coita do vasalo pola intransixencia ou polo afastamento da dama, o motivo da romaría empregado como pretexto para poder ver o amigo e a coñecida hipérbole do morrer de amor da moza por mor da ausencia do namorado. Na súa produción destaca a famosa gesta de maldizer “Sedia-xi don Velpelho en unha sa mayson”, cantiga satírica dirixida a un dos novos membros da nobreza portuguesa promovida polo Boloñés; trátase do tamén trobador Men Rodriguez de Briteiros. Esta composición documenta a divulgación no Occidente peninsular da Chanson de Roland, tanto na súa versión asoante -da que toma o famoso “aoi” que pecha cada unha das cobras- como nas rimadas. O valor da cantiga consiste, sobre todo, na utilización que se fai da materia épica francesa e na inversión que se produce de cada un dos elementos, xa que o que debería ser nobre é simplemente vulgar. O espírito da caricatura non podía pasar desapercibido nun momento no que a Corte estaba chea de costumes e hábitos procedentes das terras de oïl, nas que o Rei Afonso III -conde de Boulogne polo seu matrimonio con Matilde II- vivira ata a súa participación na guerra civil contra o seu irmán Sancho II Capelo.