Agassiz, Jean Louis Rodolphe
Naturalista suízo. Foi un dos naturalistas máis influentes do s XIX, formado na vella escola (estudiara en París xunto con Cuvier) de anatomistas comparativos. Os seus extensos e meticulosos estudios sobre os peixes fósiles fixaron na práctica esa materia científica; así mesmo, a súa obra sobre as glaciacións europeas proporcionou o fundamento de toda a investigación futura do glaciarismo. En Harvard fundou o Museum of Comparative Zoology (1859). Malia os seus moitos estudios de animais fósiles e dos antigos cambios climáticos, Agassiz era un firme antievolucionista que se negou a recoñecer os avances derivados da teoría darwinista e, apoiándose na súa reputación de máximo naturalista de Norteamérica, ridiculizou os defensores desa teoría en América (Gray, etc). Como persoa crente nos planos divinos e nas formas ideais, non vía continuidade no rexistro fósil que el mesmo axudara a coñecer e sistematizar; afirmaba que as especies novas eran o resultado de creacións distintas e sucesivas. É autor de Selecta genera et species piscium (Escolma de xéneros e especies de peixes, 1829), Recherches sur les poissons fossiles (Investigacións sobre os peixes fósiles, 1833-1844), Études critiques sur les mollusques fossiles (Estudios críticos sobre os moluscos fósiles, 1840-1845) e Études sur des glaciers (Estudios sobre os glaciares, 1840).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Motier, Friburgo -
Deceso
Lugar : Cambridge, Massachusetts