Agostiño, santo
Considerado como o máis importante pai da Igrexa latina. De nai cristiá (santa Mónica) e pai pagán, de pequeno non foi bautizado e menosprezaba o Cristianismo ata que, pola lectura do Hortensius de Cicerón, iniciou a busca da verdade que o levou á conversión ao Cristianismo (386), despois dalgúns anos de adhesión ao maniqueísmo e ao escepticismo. Aprendeu dos neoplatónicos a tese da prioridade do espiritual-intelixible, sobre o material-sensible; o contacto que tivo en Milán con santo Ambrosio, Bispo daquela cidade, levouno a admitir o Deus cristián, espiritual e creador do mundo, sendo bautizado polo propio Ambrosio no 387. En Tagaste organizou unha comunidade monástica (388). Ordenado sacerdote no 391, catro anos despois foi consagrado Bispo de Hipona. A súa obra escrita reflicte a problemática filosófica e teolóxica que máis o preocupaba: a crítica dos escépticos e do dualismo maniqueo nas primeiras obras, todas elas escritas entre o 386 e o 391; a polémica cos donatistas e os pelaxianos en opúsculos cronoloxicamente posteriores; o comentario dos textos bíblicos e os tres máis vastos intentos de síntese: De Trinitate (400-416), De Genesi ad litteram (401-412), De Civitate Dei (412-426) escrita durante a invasión dos vándalos. As Confesións (400) son un relato biográfico da súa evolución ideolóxica. Todo o pensamento de santo Agostiño xira ao redor de dous conceptos fundamentais: Deus e alma. Deus é aquela única realidade inmutable e transcendente que leva ao entendemento a afirmar aquelas verdades absolutas que nin o escéptico pode poñer en dúbida (principios lóxicos, éticos e, en primeiro lugar, a propia existencia). En canto ao mundo, mudable e imperfecto, fíxoo El da nada libremente (Creación) segundo o modelo das cousas, preconcibido na súa intelixencia (ideas exemplares). Co mundo xurdiu o tempo que, sen embargo, só ten existencia plena na alma, única realidade aberta ao pasado (pola memoria), ao presente (pola atención) e ao futuro (pola expectación). A pesar das súas imperfeccións, as criaturas recibiron a impronta de Deus: en todas descóbrese a imaxe da Trindade, sobre todo na alma humana, coas súas tres potencias de memoria, entendemento e vontade. Pero tamén no home (composto de corpo e alma, tal como Platón o entendía) se atopa o mal, en especial o mal moral ou pecado. A actual inclinación a fallar no auténtico ben é consecuencia do pecado orixinal, que lle rouba a liberdade (non o libre albedrío, mero poder psicolóxico de elección), unicamente recuperable mediante a graza (Agostiño é chamado Doutor na Gracia). Elaborou unha teoloxía da historia, que interpretada como un lento triunfo da cidade de Deus (espiritual) sobre a cidade do mundo (dominada polo egoísmo). No Medievo (s XIII) os cistercienses espallaron a lenda de que un día Agostiño paseaba pola praia meditando sobre o misterio da Trindade tentando comprendelo racionalmente e topou cun meniño (un anxo) que facía cunha cuncha un burato na area no que quería meter a auga toda do mar; ao lle advertir Agostiño da imposibilidade de tal realización, o meniño respondeu que máis imposible era que a súa cabeciña de home comprendese o misterio da Trindade. A súa festa celébrase o 28 de agosto.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Tagaste