Airas Carpancho Corpancho
Trobador de posible orixe galega activo no segundo terzo do s XIII. A pesar das dúbidas que aínda suscita o seu apelido -pode aparecer como Carpancho ou Corpancho- a tendencia máis xeneralizada entre os estudiosos é a considerar como máis fiable a forma Carpancho que sería empregado a xeito de alcume co significado de ‘persoa de corpo ancho ou obesa’. Tamén hai dúbidas sobre a súa condición: para os que collen como base o alcuño Corpancho, sería un xograr que frecuentaría a Corte afonsina; sen embargo, a súa colocación nos cancioneiros a carón dos irmáns Pai Soarez de Taveirós e Pero Velho de Taveirós, Martin Soarez, Vasco Gil e Johan Perez d’ Aboim, engadido á súa presenza no Cancioneiro da Ajuda, fai supoñer unha actividade poética centrada no segundo terzo do século XIII e unha posible condición social de cabaleiro e, xa que logo, de trobador. Os tres grandes cancioneiros da lírica profana galego-portuguesa atribúenlle trece cantigas, todas elas do código amoroso: cinco do xénero da cantiga de amor, transcritas no Cancioneiro da Ajuda e no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, e oito do xénero da cantiga de amigo copiadas neste último Cancioneiro e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. A temática das cantigas de amor xira arredor da coita de amor que sofre o namorado, a incapacidade de proferir palabra diante da súa dona, a morte de amor, o desexo de ver a dona, os consellos que lle dan ao namorado os homes de ben e o abandono de todo por amor. Nas cantigas de amigo aparece o motivo do confidente dos amores da amiga, o da nai-opoñente para a relación amorosa e o da indiferenza da amada. No que atinxe ás outras dúas cantigas, unha pertence ao tipo lírico da cantiga de santuario, peculiar por ser a única que ten como meta a romaría Santiago de Compostela e a outra é unha cantiga de amigo dialogada, fragmentaria na súa segunda estrofa, onde a amiga procura o consello da nai, no caso de que o seu amigo lle fale. A poética deste trobador destaca na versificación e no emprego das estruturas métricas e das fórmulas retóricas. Así, nas cinco cantigas de amor utiliza xeralmente a cantiga de refrán, agás nunha, que é unha cantiga de mestría. Non obstante , resulta difícil concretar o patrón estrófico da cantiga, xa que varía entre as dúas e as catro cobras; igualmente, o número de versos por estrofa oscila entre os dous e os seis, amais dos do refrán que poden flutuar entre un e tres. Nas cantigas de amor o verso empregado varía entre as seis e as dez sílabas. En canto ás oito cantigas de amigo, todas son cantigas de refrán de tres estrofas (agás dúas que son de catro e outras dúas que teñen finda). Cada estrofa componse xeralmente dun dístico (agás unha de tres versos e outra de catro) e o verso empregado oscila entre catro e quince sílabas, mesturando a miúdo dous deles nunha mesma cantiga.