Airas Veaz
Trobador portugués do que non posuímos ningún documento que testemuñe a súa orixe ou condición. Para uns críticos sería un burgués ou un vilán, mentres que para outros formaría parte da nobreza. A súa actividade poética céntrase na segunda metade do século XIII ou nos comezos do XIV. A súa posible relación con Vasco Perez Pardal apunta a unha estadía de Airas Veaz na corte de Afonso X na década de 1260. O Cancioneiro da Biblioteca Nacional e a Tavola Colocciana atribúenlle catro cantigas: tres de amor e unha de escarnio. Pola súa banda, o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana só recolle baixo a rúbrica atributiva do trobador as tres composicións de amor, (transmitidas tamén polo anterior cancioneiro). Unha das cantigas de amor recollidas nos apógrafos italianos, “A dona que eu vi por meu”, aparece tamén no Cancioneiro da Ajuda, xunto con outras once composicións, formando un conxunto homoxéneo que a crítica atribúe a Fernan Gonçalves de Seavra. No escarnio persoal o autor cóntalle a Fernan Furado que quere comprar un muu que, malia presentar un bo aspecto, ten o “alvaraz ficado” (palabra rima, v 3), isto é, unha doenza no cu, coma un tumor. Debaixo desta lectura inocente, entrevese unha crítica contra os homosexuais. O “muu” (palabra rima, v 1) ao que se refire o trobador non é outro que o propio Fernan Furado, e proba disto é o apelido deste personaxe; é el mesmo quen ten esta “espunlha” debido ás prácticas homosexuais que practicaba. Pola súa banda, as cantigas de amor presentan algúns dos tópicos comúns á produción trobadoresca pertencente a este xénero: a coita que produce a visión da amada, o inmediato namoramento do poeta e o desprezo que sofre o amante cando lle descobre o seu amor á dama. Son todas cantigas de refrán: nas de amor este consta de dous versos, na de escarnio aparece un refrán intercalar de dous, mentres que na problemática “A dona que eu vi por meu”, o estribillo é dun único verso. En canto ao patrón estrófico convén destacar que todas as cantigas constan de tres cobras, agás a pertencente ao xénero satírico que posúe unicamente dúas.
Cronología
-
Deceso
Lugar : XIV