Airbus Industrie
Consorcio de fabricantes aeronáuticos europeos fundado por Francia e a República Federal de Alemaña en 1969, dedicado á construción dos diversos modelos de avión comercial de gran capacidade Airbus, inaugurando con el unha nova época do transporte aeronáutico, baseada en aparellos cun grande espazo útil para a pasaxe e un motor especial que permite o aforro de carburante e a ruptura coa hexemonía das compañías norteamericanas no campo da aviación civil. Este consorcio foi escriturado como grupo de interese económico en decembro de 1970 baixo o nome de Airbus Industrie. Formaban o núcleo inicial a Société Nationale de l’Industrie Aérospatiale (SNIAS, máis tarde Sud Aviation), en representación de Francia, e a sociedade Deutsches Airbus, en representación de Alemaña. Posteriormente o Goberno español incorporouse ao consorcio a través de Construciones Aeronáuticas SA (CASA) e, máis tarde, uníronse a compañía holandesa VFW-Fokker (como socio non integrado no consorcio), a británica British Aerospace (antes Hawker Siddeley Aviation) e a belga Belairbus. Malia que os seus inicios foron desalentadores -de 1972 (ano no que ten lugar o primeiro voo) a 1976 só se venderon 56 unidades-, a crise do petróleo fixo que as compañías aéreas, gravemente afectadas polo encarecemento dos prezos do combustible, comezasen a valorar o Airbus polas súas prestacións e, sobre todo, polo aforro de carburante que permitían os seus motores e a gran capacidade de pasaxeiros, factores estes que incrementaban a rendabilidade de cada viaxe. Para a realización do proxecto corresponde a cada unha das industrias asociadas unhas determinadas tarefas e compoñentes, variables segundo o modelo, mentres que a ensamblaxe final faise na factoría de Sud Aviation en Tolasa-Blanhac. Á sociedade española CASA correspóndelle a construción de menos do 5 % do total, en proporción á súa participación financeira. O prototipo de 1972, un birreactor baseado no HBN-100 do Studiengruppe Airbus (grupo formado en 1967 polas firmas Hawker Siddeley Aviation, Sud Aviation e Deutsches Airbus GmbH) entrou en servizo en 1974. Posteriormente apareceron os modelos A 310, A 319, A 320 A 321 e A 330, birreactores, e o A 340, cuatrirreactor. O éxito do proxecto Airbus ocasionou unha forte carreira de competencia que deu como resultado a saída ao mercado de novos modelos de similares características, como é o caso dos Boeing 757 e 767 e do ruso Il’ušin 86, entre outros.