Akhila II
Rei visigodo, fillo e sucesor de Vitiza nunha parte do seu reino. Á morte de Vitiza (710), unha parte dos nobres e a súa viúva tentaron facelo herdeiro do reino en oposición ao duque da Bética, Roderico (Don Rodrigo), elixido Rei por outra parte dos nobres reunidos en Córdoba que se dirixiu prontamente cara a Toledo, capital do reino visigodo da Península Ibérica, derrotando os vitizanos. Akhila retirouse á parte oriental do estado visigodo e gobernou a Narbonesa, parte da Tarragonesa e a Cartaxinesa marítima (bateu moeda polo menos en Tarragona, Girona e en Narbona), mentres Roderico dominaba o centro e o oeste. Os partidarios de Akhila a través do prefecto bizantino de Ceuta, Xuliano, pediron a colaboración de Ṭ āriq, gobernador sarraceno de Tánxer, que recibe autorización do seu superior, Mūsà ibn Nu ṣ ayr, para, logo dunha operación de ensaio durante o agosto de 710, desembarcar en Xibraltar o 27 de abril do 711. Roderico, que se achaba asediando Pamplona nun intento de someter os vascos, aos que arrebatara La Rioja e o sur de Navarra, e moi probablemente Zaragoza a Akhila, levantou sitio e axunta un exército do que tamén forman parte os parentes de Vitiza residentes nos seus dominios. O enfrontamento coas tropas africanas tivo lugar á beira do río Barbate dende o día 19 ao 26 de xullo, decidíndoo a defección dos vitizanos, que concluíron o acordo cos invasores durante treguas na longa batalla. Morto Roderico, Ṭ āriq diríxese prontamente a ocupar os seus dominios, deixando á marxe o reino de Akhila e as cidades da zona rodericiana controladas polos vitizanos, Sevilla e Mérida. En xuño do 712 chegou Mūsà, quen, menos comprometido cos partidarios de Akhila, non respectou as cidades vitizanas do antigo reino de Roderico, ocupando Sevilla e poñendo sitio a Mérida. Durante os longos meses de loita a diplomacia musulmá convenceu a Akhila de que abandonase os seus dominios a cambio de lles devolver a el e aos seus irmáns as propiedades familiares do centro e suroeste da Península Ibérica; semella que os propios fillos de Vitiza foron a Damasco para se entrevistar co Califa al-Walīd, seica con éxito. Despois de tres anos de reinado, no 713, Akhila abandona os seus estados; mudou o seu nome polo de Rómulo, séndolle restituídas as propiedades persoais, un millón de alquerías na comarca de Toledo, durante o valiado de al-Hurr (716-719). Non se coñece o final da súa vida, sendo o máis probable que seguise a vivir na antiga capital visigoda, onde debeu gobernar a comunidade cristiá e representala perante as autoridades musulmanas.
Cronología
-
Deceso
Lugar : VIII