Alagoas

Alagoas

Estado do NL do Brasil [29.107 km2; 2.685.000 h (estim 1995)]. A capital é Maceió. É un dos estados máis pequenos do país, pero ten unha elevada densidade de poboación (92,24 h/km2). Está formado por unha extensa chaira costeira na que se cultiva millo, algodón, coqueiros, cana de azucre e, en menor medida, mandioca, café, arroz, tabaco e bananas, e un sector interior elevado con plantacións tropicais e gandería. O río principal é o San Francisco, que forma fronteira co estado de Sergipe. O clima é tropical, con chuvias distribuídas entre maio a outubro e fortes secas o resto do ano. Ten importantes pozos de petróleo, minas de amianto e unha grande central hidroeléctrica (Paulo Afonso). A capital e as principais cidades (Penedo, Palmeira dos Indios, Rio Largo e Unión do Palmares) concentran a industria do algodón, química e alimentación.

Palabras veciñas

alacrán | Alada | Alagno, Lucrecia de | Alagoas | Alagón | Alagón | Alagón, Artal de