alalá

alalá
s m [MÚS]

Canto popular galego moi antigo que recibe o seu nome da repetición continua do retrouso ailalala-ailalala. É un canto moi agudo e alongado, monódico dun único executante, que se canta tipicamente no mencer ou no solpor. O seu pulso é lento, pousado, e con gran liberdade para o desenvolvemento melódico, case que sempre diatónico, con frecuentes vibratos e melismas, especialmente cadenciais (isto é, nas notas que pechan as frases musicais). Nun principio non tiña letra pero en formas máis serodias, o alalá aparece con letras de dous versos, polo común octosílabos, aínda que con licencias esixidas pola melodía, sempre determinante, que nunca deixan de rematar cun retrouso que contén ai-la-la-lá varias veces. As suxerencias da súa vinculación ao canto chan (gregoriano) son múltiples. Normalmente non leva acompañamento musical e a súa transcrición é non compasada debido á súa liberdade rítmica. Alalás de sona son os do Cebreiro, Pontedeume, A Capela, Avión e os do Deza.

Palabras veciñas

Alajuela | Alakha Hüyük | Alakol | alalá | Alalá | Alalá | Alalakh