Alalá

Alalá
[ESPECT]

Primeiro proxecto da produtora barcelonesa FIDA (Filmación Ibérica de Arte) en colaboración cos estudios Orphea. A película, hoxe desaparecida, estaba baseada na novela Los nietos de los celtas de Rafael López de Haro, quen tamén se fixo cargo da adaptación. O alemán Adolph Trotz asumiu a dirección dun equipo, no que predominaban os técnicos estranxeiros, entre os que cómpre destacar o director de fotografía Frederic Fulssang, de orixe dinamarquesa e o escenógrafo ruso Alexander Arustam. En canto aos intérpretes, a produtora contaba con facianas moi coñecidas, entón nas pantallas españolas, como Antoñita Colomé, José Baviera, Manuel Arbó e o galego Ricardo Núñez. Rodada durante o verán de 1933, os exteriores localizounos o xornalista Manuel Villar en Pontevedra, Santiago, Vigo e Rianxo, mentres os interiores se rodaron nos estudios barceloneses. En xullo de 1934 estreouse nas principais cidades galegas e non alcanzou o aplauso do público, alleo a criterios estéticos centroeuropeos. Suscitou ademais duras críticas por parte de certos sectores do xornalismo que rexeitaron a visión tópica que unha vez máis se ofrecía de Galicia.

Palabras veciñas

Alakol | alalá | Alalá | Alalá | Alalakh | ALALC | alalia