Alatau

Alatau

Nome xenérico dunhas cordilleiras do Tian Shan occidental, na Asia central. O Alatau de Jungaia (400 km de longo), composto dunha serie de cadeas paralelas que chegan aos 4.464 m de altitude, presenta unhas plataformas planas (syrty) en diversas alturas con vexetación alpina e subalpina. O Alatau Kirguís (175 Km de longura), situado na área árida, presenta vexetación esteparia e bosque aclarado ata os 2.500 m de altitude e a partir do límite das neves (3.500 m) hai vexetación alpina. No seu tramo central córtase co Talas Altau. O Kungej Alatau (280 km de longo) forma o límite norte da depresión do Issyk-Kul; presenta glaciares na vertente N e pequenos bosques. O Sailiski Alatau (300 km de longo) culmina nos 4.951 m no pico de Talgar e na parte alta hai coníferas e prados alpinos. O Talas Alatau , dunha altitude media de 3.900-4.000 m, presenta as vertentes cortadas por barrancos profundos e ten vexetación esteparia. O Teiskej Alatau (300 Km de longura) pecha a depresión do Issyk-Kul polo S. Culmina nos 5.280 m e ten unha extensión de glaciares de 1.800 km2.