albariño -ña
(< albar)
-
adx
De cor branca.
-
adx
Relativo á uva e ao viño do mesmo nome.
Ex: Na voda puxeron viño albariño e non quedou nada.
-
s
m
[AGR/ALIM]
ariedade de uva branca que produce o viño do mesmo nome. Non está clara a súa procedencia, existindo distintas interpretacións, que van dende considerala como unha variedade autóctona galega, ata que foi traída dende a Borgoña francesa, no s XI, por Raimundo de Borgoña, o home de dona Urraca de Castela. Este acostumaba a gozar das augas termais de Caldas de Reis. A hipótese máis estendida, apunta a que formou parte da bagaxe inmigrante dos monxes de Cluny, cando, alá polo s XII, recalaron no Salnés, sendo moi probable que dende o mosteiro da Armenteira, no monte Castrove, se estendera o seu cultivo por todo o val. Calquera que sexa a orixe desta variedade, o certo é que xa aparece catalogada no s XVIII, especialmente nas Rías Baixas e nas terras inmediatamente interiores, entre os vales do Ulla e do Miño, estendéndose o seu cultivo río arriba, ata a comarca do Ribeiro e arredores, xa con menor presencia. O hábitat natural desta variedade céntrase no ecosistema atlántico (topografía suave, solos areosos, pouco profundos e lixeiramente ácidos, temperaturas suaves, precipitacións xenerosas xunto con horas de sol con rexistros semellantes á zona mediterránea), e nel produce os mellores rendementos tanto cuantitativos como organolépticos. A comarca tradicional máis apta é a do Salnés, aínda que tamén se produce con óptimos resultados no Rosal, no Condado e en Soutomaior, sendo estas as catro subáreas produtoras. A uva albariña madura prendida dun pequeno acio, cunha forma entre esférica e elíptica curta, cunha cor verde amarela e un gusto equilibrado e suxerente. Na década de 1990 o cultivo da uva albariña sufriu unha beneficiosa revolución tecnolóxica, impactante e determinante para a súa produción. Esta variedade caracterízase por unha poda precoz, pois aínda que a cepa é vigorosa, a flor hermafrodita xesta mellor da terceira xema en adiante e con podas largas, de aí que a formación tradicional e actual sexa o emparrado. Os bacelos de superficie lisa, brotan moi cedo, mentres que a maduración rexistra valores medios. A extensión da variedade foi moi acusada na última década, en consonancia coa rápida evolución experimentada polo sector produtivo e elaborador, aínda que o minifundio dificulta o control das propiedades de alcance doméstico, ou viñedos no que comparte vecindade con outras castes en pequenas plantacións mixtas. En menos de tres lustros multiplicáronse por dez o número de hectáreas dedicadas a albariño, co que se viu reforzada non só a súa condición de variedade produtora de viños brancos da calidade máis excelente, senón que tamén se converteu na variedade máis estendida, coñecida e popularizada das viníferas autóctonas galegas, para potenciarse o mercado do viño branco en e dende Galicia, elevando así o seu parámetro de calidade. Ata tal punto chega o seu protagonismo, que se tomou como precedente inmediato para a actual demarcación xeográfica da Denominación de Orixe Rías Baixas. Na actualidade hai máis de 2.500 hectáreas de uva albariña no Salnés, unhas 500 no Rosal e unhas 1.000 no Condado, cando a finais dos anos de 1970 non acupaba máis de 300 hectáreas. A produción oscila ao redor dos 60.000 hectolitros, o que supón uns 8.000.000 de botellas, de media anual.
-
s
m
[ALIM/IND]
Tamén recibe este nome popularmente o viño branco, amparado pola Denominación de Orixe Rías Baixas, elaborado exclusivamente con uva albariña, sobre todo na comarca do Salnés, pero tamén, por extensión, os outros viños amparados pola mesma denominación nos que o 70% é uva albariña e, o 30% restante, treixadura e outras; na comarca do Condado a uva é loureira; e outras, na subcomarca do Rosal (Baixo Miño). É un viño aromático, cunha boca xeralmente ampla e complexa e cun bo retronasal. A mediados dos anos 70 o Albariño empeza a ser obxecto dun crecente interese, pois o seu prestixio entre os consumidores empeza a rebasar o nivel dos entendidos, o que se debe en parte á Festa do Albariño, que se celebra en Cambados dende 1953, que inclúe unha cata e na que participan, co fin de enxalzar o viño albariño, famosos personaxes do mundo da cultura, da política e dos medios de comunicación. Ao seu redor xurdiron outros acontecementos locais, ademais de numerosas catas técnicas. A elaboración dos viños monovarietais de albariño realízase seguindo diferentes tecnoloxías en adegas nas que o aceiro reemprazou á madeira, que condicionan a personalidade final do viño. Así, o mosto pode ser macerado en presenza das peles ou extraído rapidamente, sen permitir ese contacto. Pódense empregar ou non levaduras foráneas para realizar a fermentación alcohólica. A acidez pode ser axustada mediante a fermentación maloláctica (segunda fermentación na que o ácido málico, no que é moi rica a uva albariña, se transforma en ácido láctico, puíndo arestas) ou mediante procedementos físicos e incluso químicos. O viño pode ser embotellado precozmente, incluso antes de que finalice o ano en que se colleitou a uva e seguir embotellando en función da demanda, efectuar o embotellado case un ano despois da vendima, coa colleita perfectamente homoxeneizada, ou mantelo en barricas novas de carballo durante un período de tres meses antes de embotellalo. Media ducia de adegas están etiquetando estes viños de crianza, apostando de novo pola madeira. Os expertos coinciden en que a maceración proporciona ao viño unha personalidade que doutro xeito non alcanza, que o uso de levaduras foráneas réstalle tipicidade e non aconsellan o embotellado precoz. Caracterízase o Albariño por ter unha cor amarela pálida e brillante. En nariz posúe aromas finos e distinguidos que provocan unha primeira impresión altamente agradable, con cheiros a flores e froitas típicas, como mazá madura, feo ou pétalo de rosa, de intensidade media a potente e duración de media a longa. En boca entran frescos e suaves, ás veces secos e ás veces untuosos, con suficiente corpo e alcol (ó redor de 12-13 graos), acidez equilibrada, harmoniosos e amplos de matices. En retronasal son pracenteiros, elegantes e completos, de intensidade media a potente e duración media a longa. Os viños macerados presentan unha cor entre dourada e palla e un caracterizado por un aquel afumado e de fiúncho. Os viños nos que se empregan levaduras foráneas caracterízanse por aromas de plátano, ananás ou froita entre moi madura e pasada. Os que pasaron a fermentación maloláctica total presentan un certo ton aromático que recorda á manteiga, resistíndose frecuentemente na intensidade e duración dos aromas e presentando, ás veces, unha acidez non ben equilibrada e un exceso de suavidade. Ademais dos monovarietais, cada subárea ofrece variantes que adquiren matices en función da mestura de uva aplicada para a obtención do viño. Na actualidade conviven importantes cooperativas e sociedades anónimas que se afianzan no mercado con produtores particulares que se actualizan tecnicamente. O resultado é que o mercado se enriquece cunha oferta de Albariño en marcas de volume medio xunto a producións reducidas pero cun selo moi persoal.
-
s
f
[PLANTA]
silveira.
-
[AGR]
albariño francés