Albufera de València, l’
Lagoa litoral de (2.837 ha), ao S da cidade de València, integrada dentro do parque natural da Albufera. Un vello Turia e un primitivo Xúcar -pode que pleistocenos- abandonaban os seus aluvións nuns deltas, hoxe interiores, bastante afastados da beira do mar. Unha vez pechado polo cordón litoral o vello golfo, os materiais en suspensión iniciaron o recheo cun aluvión de arxilas moi fino. A forma actual da Albufera é máis ou menos semicircular, pero nos mapas do s XVlll aparecía máis extensa e alongada. Os reducidos límites actuais son obra humana, efecto dos aterramentos; a superficie de 5.010 ha no 1877 quedou reducida a 3.114 no 1926, cando se fixo a delimitación definitiva e se prohibiron ulteriores recheos. A construción típica é a barraca, construída con lama para o adobe, canas para a cumieira e o teito e canas ou palla de arroz para a cuberta. Os arrozais do contorno da Albufera, dende Alfafar ata Sueca, cobren máis de 10.000 ha. A Albufera e os seus pantanos constituíron posesión real que reservou Xaime l, o que lle permitía a pesca na zona. Diversos reis interviñeron despois para regulamentar o seu uso, especialmente Carlos lll; Carlos lV doouna a Godoy, e Napoleón (1812) ao Mariscal Suchet, conservando os seus descendentes en Francia, o ducado da Albufera. No ano 1865 pasou ao Estado e, tralo ordenamento definitivo, foi doada ao concello de València no 1926.