alcaloide

alcaloide

(< álcali + oide)

  1. adx [BIOQ]

    Relativo ou pertencente aos alcaloides.

  2. s m [BIOQ]

    Nome xenérico de substancias orgánicas nitroxenadas, de carácter básico, orixe vexetal e estrutura química moi variada e complexa que teñen en xeral, a baixa dose, marcados efectos fisiolóxicos sobre o home e os animais. Atópanse, principalmente, nas plantas dicotiledóneas. En xeral están presentes en forma de sales solubles en auga. Quimicamente están constituídos por carbono, hidróxeno, nitróxeno e -con algunhas excepcións- osíxeno. Todos teñen unha función amina (xeralmente terciaria) ou imina, que provoca a súa basicidade. A valoración dos alcaloides pode facerse por acidimetría ou por outros métodos (gravimétrico ou absorciométrico). Algúns alcaloides son líquidos, pero, en xeral, son sólidos, incoloros, cristalinos, de gusto amargo, solubles en alcohol e insolubles ou pouco solubles en auga. En medicina son moi utilizados polos seus efectos farmacodinámicos intensos e variados (analxésicos, anestésicos, hipnóticos, antipiréticos, cardiotónicos, hipotensores, vasoconstrictores, alucinóxenos, tranquilizantes, etc) e tamén pola súa acción quimioterápica. Os primeiros alcaloides coñecidos foron extraídos do opio. Os máis correntes son a atropina, a cafeína, a codeína, a morfina, a papaverina, a quinina e a estricnina.

Palabras veciñas

alcalino -na | alcalinotérreo -a | alcalinuria | alcaloide | alcalose | Alcámenes | Alcámenes