Alcorán
(< ár al-qur’ān ‘alectura por excelencia, a recitación’)
Libro sagrado dos musulmáns que inclúe a predicación de Mahoma. O nome árabe qur’an provén da raíz siria qryn, que significa lectura en voz alta. Tamén se chama furqan (discriminación entre o ben e o mal), dikr (amoestación), huda (guía), etc. O texto árabe actual do Alcorán é o resultado dunha longa elaboración. O dutus consonántico do texto determinouse na época de Utman (644-655); a súa vocalización, non obstante, é posterior. Consta de 114 suras ou capítulos, ordenadas segundo a súa extensión, agás a primeira (fatiha, que abre o libro). Cada sura contén un número de versículos (ayat) que oscila entre 3 e 286. Tamén hai outras divisións de carácter litúrxico, melódico, etc. Todas as suras, agás a novena, comezan coa frase chamada Basmala: “No nome de Deus, o Clemente, o Misericordioso”. A pesar da cuestión insoluble sobre a procedencia real de cada sura, as que están inspiradas na Meca adoitan ser máis concisas e poéticas, de cariz parenético e escatolóxico; pola contra as de Medina son de estilo máis prosaico, con temas de orde máis ben narrativa e xurídica. O árabe do Alcorán é dunha gran calidade literaria. Nunha mesma sura mestúrase o xénero dogmático co moral, o narrativo co xurídico e o parenético co salmódico. O Alcorán revela influencias de orixe xudía bíblica e rabínica, de tradicións cristiás apócrifas e de elementos relixiosos preislámicos. É, para os musulmáns, o “gran milagre”, xa que contén a palabra de Deus (Allah) revelada en árabe. Pola mesma razón, é a fonte de inspiración da teoloxía (Kalam) e do dereito relixioso (fiqh) musulmán. Os dogmas fundamentais do Alcorán son a unicidade divina (tawhid), a misión de Mahoma, a existencia e misión dos anxos, o Xuízo Final co premio do Paraíso (al-ganna), e o castigo do Inferno (gahannam) para os descridos. A moral alcoránica fundaméntase nunha ética natural e no dereito tribal dos beduínos aglutinados nunha comunidade superior, a Umma wahida. O fiqh, baseado no Alcorán e na Sunna, estrutura o dereito e a moral musulmanas.