Alecrín

Alecrín

Organización feminista, fundada en Vigo o 22 de marzo de 1985, coñecida tamén co nome de Grupo de Estudios sobre a Condición da Muller. En 1987 abriu a Biblioteca-Centro de Documentación para consultar e investigar sobre temas relacionados coas mulleres, con fondos clasificados de acceso libre. Foi a organización feminista que comezou a prestación de servicios dirixidos a mulleres, coa creación de centros de día de atención a prostitutas, centros de información e asesoramento, particularmente en temas relacionados coas agresións. Participa tamén na xestión de centros de acollida para mulleres en colaboración coas administracións públicas. A presidenta da asociación (1999) é Ana Míguez Vigo. Cada ano concede os premios Alecrín e Alacrán, cos que desexa destacar diante da opinión pública a persoas ou institucións que se distinguen por actitudes e condutas a prol ou en contra, respectivamente, da igualdade entre os xéneros.