alemán -na
(< lat alamannu oualemānnu ‘relativo ós alemáns’ < xerm Allamann < all ‘todo’ + Mann‘home’)
-
adx
Relativo ou pertencente a Alemaña, aos seus habitantes ou á súa lingua.
Ex: Conseguín un coche alemán que ten as mesmas prestacións ca o teu.
-
s
Natural ou habitante da Alemaña.
Ex: Un alemán e un inglés foron detidos por conducir baixo os efectos do alcol.
-
s
[ETN]
Individuo pertencente a un pobo de lingua xermánica establecido, principalmente, na Europa central. As estirpes xermánicas occidentais fixadas na rexión, unha vez pasado o período das invasións ou migracións (francos, saxóns, alamáns, baiuvaríns, turinxios e frisóns), non comezaron a adquirir consciencia nacional ata que a participación do Imperio Carolinxio achega ao plano político a contraposición deste conglomerado étnico coas poboacións de fala románica, que despois serían Francia e Italia. A denominación nacional actual (deutsche) ten orixe no s VIII, do franco theudisk que designaba a fala materna dos francos instalados na Galia merovinxia, por oposición a walhisk, isto é, o latín falado polos indíxenas. A xeneralización desta denominación ten lugar durante os ss IX e X. A contraposición cos pobos románicos verase reforzada coa contraposición entre as poboacións xermánicas e eslavas. A conciencia nacional non chega a concretarse segundo o modelo europeo occidental ata datas moi recentes, e aínda de xeito incompleto. A expansión demográfica dos alemáns manifestouse ao longo da historia no proceso interno de inclusión de bosques e ermos aos territorios patrimoniais, na xermanización de vastos territorios conquistados ao eslavismo, na colonización de países eslavos (Hungría e Romanía), favorecida polos mesmos príncipes locais como recurso político e económico, e na emigración transoceánica dos ss XIX e XX. Os efectos das tres últimas manifestacións víronse profundamente afectados polos nacionalismos da Europa oriental, as repatriacións nazis, a mortandade e as expulsións que foron consecuencia da Segunda Guerra Mundial.
-
s
m
[LING]
No xeito co que adoito se emprega en galego, o termo ‘alemán’ designa a lingua de cultura oficial na Alemaña, Austria e Suíza. En lingüística, ‘alemán’ (deutsch) designa unha gran variedade de falas que compoñen o grupo das linguas xermánicas occidentais, unha vez eliminado o anglofrisón. Estas falas subdivídense en dous grandes grupos: o baixo-alemán ou niederdeutsch, cunha grande lingua de cultura, o neerlandés, e o alto-alemán ou hochdeutsch, coa correspondente lingua de cultura, o alemán en senso ordinario ou restrinxido. Adóitase considerar que o trazo diferencial básico dos falantes altoalemáns é a denominada “segunda mutación consonántica”, que diferenza as oclusivas altoalemanas das de todas as outras falas xermánicas. Normalmente distínguense tres grupos de dialectos: o francónico, o alamánico e o bávaro-austríaco. No que toca ao alemán no sentido ordinario, é máis ben unha combinación artificiosa, que se remonta á lingua da corte e á chancelería dos emperadores bohemios do século XIV, así como ao uso xenial que desta lingua fará Lutero, na súa tradución da Biblia. A uniformización fonolóxica do alemán de cultura non se vai intentar ata o século XIX. Este carácter orixinariamente artificioso do alemán apréciase en moitos trazos da lingua, e sobre todo, no esforzo que fai a gramática normativa por afortalar determinados puntos de febleza estrutural. Deste xeito, o sistema fonolóxico alemán é claro e rico, especialmente no que toca ao vocalismo, cunha base de 14 vocais tónicas distribuídas en sete parellas, cunha oposición de cantidade dentro de cada parella. O substantivo alemán ten dous números, con tres xéneros (masculino, neutro e feminino) no singular e co plural común, e declínase con catro casos (nominativo, acusativo, dativo e xenitivo). De feito, abondan os sincretismos: o acusativo só se distingue do nominativo no masculino, etc; sendo así, a declinación opera formalmente mesturando un complicado sistema de transferencias das marcas casuais entre os determinativos do substantivo. No que toca á morfoloxía verbal, a operación sintáctica do verbo é posiblemente o que máis caracteriza á lingua. En primeiro lugar, se o verbo se atopa nunha forma persoal simple, ten que ocupar unha posición absolutamente fixa dentro da frase, a saber: é o segundo sintagma nunha frase afirmativa, é o derradeiro nunha subordinada, e é o primeiro nunha interrogativa ou en certos tipos de cuase-subordinadas (condicionais, etc). Dada a abundancia de auxiliares nas linguas xermánicas, isto implica que o verbo alemán fora moi a miúdo unha especie de marca no que se encerra toda a frase, exceptuando o sintagma inicial. Esta é a razón capital da tendencia do alemán ás construcións en “encapsulación” (emboîtement, Schachtelung), que tanto o diferencia das outras linguas europeas modernas. O abuso da encapsulación é seguramente unha das razóns que retardan o progreso do alemán común fronte aos dialectos.
-
[ARTE]
arte alemana
-
[ARTE/IMAX]
cine alemán
-
[DER]
dereito alemán
-
[FILOS]
filosofía alemana
-
[LIT]
literatura alemana
-
[MÚS]
música alemana