Alemparte
Liñaxe orixinaria de Fornelos de Montes. Tamén estableceu casas en Ribadavia e Tui. Dende esta última cidade, pasou a América deixando en Chile unha ilustre descendencia. Foron enterrados na capela tudense da Torre de Santo Andrés de Tui e despois na maior de Santo Domingo, da que eran copatróns cos de Priegue. Esta estirpe entroncou cos Soutomaior e López de Sobrado. As súas armas levan, en campo de prata, unha cabeza de lobo da súa cor natural arrimada de dous voos de águia da súa cor natural. Outra variante: escudo cortado que leva no alto estas mesmas armas, sobre campo de prata; e, no baixo, axadrezado de vinte e unha pezas, dez de ouro e once de goles que aluden ao seu entroncamento cos Soutomaior. Algúns investigadores reseñan aínda outra: escudo tronchado acompañado, no alto, sobre campo de prata, dunha pomba da súa cor que se apoia na partición; e, no baixo, en campo de prata, de tres faixas axadrezadas de ouro e goles, en catro ordes, cargada cada unha dun filete de sable, que veñen a ser as Armas dos Soutomaior.