Alepo

Alepo

Cidade de Siria, capital do mu ḥ āfaa de Halab, á beira do Kuweik (1.591.400 h [1994]). A cidade, dominada por unha cidadela, é o centro comercial da Siria setentrional, rexión de economía gandeira e agrícola. A importancia de Alepo como centro das rutas comerciais cara a Asia Central, que decae coa abertura da vía marítima de Suez, foi recuperada coa construción dos ferrocarrís en Trípoli, Ḥ om ṣ , Istambul, Bagdag e Basora. Conta con aeroporto e universidade. Arredor do ano 2000 a C foi unha das principais cidades hititas. Sometida sucesivamente polos exipcios, asirios, persas, seleúcidas -que a denominaron Beroía- caeu finalmente baixo o dominio árabe sobre o ano 637. Pasou despois ás mans dos selxúcidas, de Saladino, dos mongois e de Tamerlá e, finalmente, do Imperio Otomano (1516). Despois da Primeira Guerra Mundial os franceses fixeron dela a capital do Estado de Alepo. Na cidadela, que domina a cidade antiga, atopáronse esculturas hititas; a súa forma actual é dos ss XII-XIII. A gran mesquita omeia (715-717), inspirada na de Damasco, fou reconstruída no século XI. No século XII, a antiga catedral foi convertida na madrasa de Al-allāwāya. Ten un museo arqueolóxico.