Aleutianas, illas
Aleutianas, illas
Arquipélago pertencente a Alasca, EE UU, que separa o mar de Bering do océano Pacífico. Constituída por unhas 150 illas e illotes volcánicos que, formando un arco semicircular, prolongan a península de Alasca en dirección á de Kamčatka. Inclúe o grupo das Fox (Unimak, Unalaska, Umnak), onde vive a maior parte da poboación, e Andreanof, Rat e Near. O clima é frío e húmido, dando lugar á formación de néboas. A súa poboación vive da pesca e da caza (principalmente focas) e da gandería ovina. Ocupadas polos xaponeses en 1942 durante a Segunda Guerra Mundial foron recuperadas polos EE UU no 1943. Actualmente constitúen un punto estratéxico da defensa dos EE UU, con bases militares e estacións de radar.