Alexandre III
Chamado Ronaldo Bandinelli, foi Papa dende 1159 a 1181. Xurista recoñecido (do que se conservan os Stromata, comentarios ao Decretum Gratiani), cando era Cardeal defendeu a autoridade do papa por riba do emperador, actitude frecuente entre a xerarquía eclesiástica do século XII xa defendida por Xelmírez. Por este motivo, Federico Barbarrubia opuxo á súa elección pontificia tres antipapas, dos que o máis importante foi Víctor IV. Despois dunha serie de incidentes, Alexandre III exiliouse en Francia; percorreu toda a Lombardía e despois de dezaoito anos de loita venceu, xuntamente coa Liga Lombarda de cidades, a Barbarrubia en Legnano (1176) e obrigouno a asinar a paz en Venecia (1177). Tivo dificultades graves con Enrique II Plantagenet de Inglaterra polo asasinato do Arcebispo Tomas Becket, que canonizou (1173). Chegado a Roma, o Antipapa Calixto III tivo que someterse a el. En 1179 reuniu o Concilio de Letrán (XI ecuménico), que regula a elección pontificia e reprimiu a herexía cátara. No 1179 concedeu a bula Manifestus Probatum pola que recoñecía o título de Rei a Afonso Henriques e, consecuentemente, a categoría de reino ao antigo Condado Portucalense, ficando a monarquía lusa baixo a protección da Santa Sé. Aprobou a fundación das ordes militares de Santiago (1175), Calatrava (1164) e Alcántara, primeiramente chamada de San Xián de Pereiro (1177). No ano 1181, pola bula Regis Aeterni, concedeu o privilexio e graza de xubileu á Igrexa de Santiago, da que era Arcebispo Pedro Suárez de Deza: nos anos en que a festa do Apóstolo caia en domingo, os fieis que visiten a catedral compostelá obteñen indulxencia plenaria, séndolles perdoadas todas as culpas. No mesmo documento instáurase o perdón para aqueles fieis que fagan a visita durante os días de conmemoración do martirio e a traslación do apóstolo Santiago.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Siena -
Deceso
Lugar : Civita Castellana, Umbria