Alexandría

Alexandría

Cidade e porto do norte de Exipto na desembocadura do Nilo. Ten o status de mu ḥ āfaa independente (3.431.000 h [estim 1995]). Esténdese sobre o cordón litoral que separa o lago Maryut do mar Mediterráneo e inclúe na península de Ra´s al Tîn (Pharos), que dividiu o porto en dous brazos. É o principal porto comercial do país e un diversificado centro industrial. Ao longo do Canal de Ma ḥ mūdīya e do porto concéntranse as industrias téxtiles, algodoeiras, alimentarias, de tabaco, cervexa, coiro, pneumáticos e montaxe de automóbiles. Quedan poucos restos da cidade antiga; a actual ten un aspecto totalmente europeo: construída segundo un plano ortogonal, o centro comercial e financeiro atópase ao S do porto oriental. A área residencial esténdese polo litoral. Ben comunicada co interior por ferrocarril, é o principal porto do país. Ten aeroporto e universidade. É ademais Sé patriarcal (patriarcado de Alexandría). Fundada por Alexandre o Grande na boca do delta do Nilo, ante a illa de Faros, no ano 332 a C. O plano da cidade era de rúas en ángulo recto, segundo a fórmula helenística, e acabouse na época de Ptolomeo Filadelfo. Posteriormente Ptolomeo Soter uniu a illa de Faros á terra firme, á vez que construía alí o famoso faro, unha das Sete Marabillas do Mundo na Antigüidade. Coa fundación da biblioteca e do museo, a cidade converteuse no núcleo intelectual de maior importancia de todo o Oriente clásico. No 48 a C, César asediouna e incendiou a biblioteca, aínda que pouco tempo despois foi reconstruída por Marco Antonio. Na época imperial romana, Alexandría foi a segunda capital do Imperio. Coa introdución do Cristianismo, Alexandría converteuse nunha sobranceira capital relixiosa, primeira sé patriarcal antes de o ser Constantinopla. Conquistada polos persas (616 d C) e polos árabes (642 e 645). A fundación do Cairo (969) provocou a súa decadencia política, pero as súas actividades comerciais continuaron florecendo durante toda a Idade Media, para acoller abondosas colonias de mercadores mediterráneos. Os contactos coa Península Ibérica mantivéronos fundamentalmente comerciantes cataláns, que a partir do 1264 tiveron un importante consulado, facendo de Alexandría o centro do seu comercio co Levante ata 1539. No ano 1498 a colonia latina limitábase a cataláns, xenoveses e venecianos. Despois do 1539 as colonias estranxeiras foron a menos. A descuberta da ruta da India, pasando pola Cidade do Cabo (1498) e a ocupación do Exipto polos turcos (1516) causaron un descenso das actividades económicas da cidade. Napoleón protexeuse en Alexandría, que acabou pasando a mans dos ingleses no 1801. A cidade recuperouse con Mu ḥ ammad’Alī ata consolidar novamente unha posición importante a partir da apertura do Canal de Suez (1869). Foi bombardeada e ocupada polos ingleses no ano 1882. Os británicos instaláronse nela a partir de 1936, unha das súas principais bases navais e aéreas. Durante a Segunda Guerra Mundial a vitoria aliada na Batalla de El-Alamein evitou a ocupación de Alexandría polos alemáns.