alférez

alférez

(< ár al-fāris ‘oxinete, o cabaleiro’)

  1. s m
    1. [BÉL]

      Oficial dos exércitos de terra e aire do estado español co grao máis baixo da súa escala dentro da carreira militar.

      Ex: Desfilou en último lugar a nova promoción de alféreces.

    2. [BÉL/MAR]

      Grao do corpo xeral da Armada Española inmediatamente superior ao gardamariña e ao de Alférez de fragata e inferior aos de Tenente de navío e Alférez de navío; equivale ao grao de Alférez e de Tenente do exército de terra e do exército do aire.

  2. [HIST/ADM/BÉL]
    1. s m

      Antigamente, o cabaleiro que polo seu valor e pericia ecuestre, portaba o estandarte durante a loita. No exército moderno pasou a denominarse subtenente.

    2. s m

      Na Idade Media, oficial que levaba a bandeira na infantería ou o estandarte na cabalería. Na Coroa Aragonesa recibiu o nome de sinalador a partir do s XII. No Reino de Navarra foi substituído no s XIV polo de Mariscal. En Castela, na Alta Idade Media, o Alférez Real era o xefe da Garda Real; na Baixa Idade Media, encargábase de levar o estandarte (Alférez do Pendón Real). Durante a Guerra Civil Española, introduciuse un novo cargo no exército sublevado con este nome.

    3. Alférez Maior O Alférez Maior dunha cidade personificábaa no acto de o Rei alzar os pendóns, adoito durante a proclama dun novo monarca. Acompañado por dous rexedores que o foran buscar á súa casa e que acostumaban ser os comisarios das festas, marchaban os tres a cabalo ata a casa consistorial, onde o Corrixidor daba ao Alférez o pendón, as armas reais e municipais, para llas amosar ao pobo dende o balcón do consistorio.

    4. Alférez Maior da Cidade da Coruña Oficio instaurado polo Rei Filipe II no 1591 adxudicándollo a Tristán de Araujo, que pasou logo a Gómez Fernández Catoira, á súa muller, Antonia López Villardefrancos, ao seu fillo Simón Enríquez de Novoa e, finalmente, a Antonio Henríquez de Novoa. Durante o século XVIII o cargo estivo vencellado á familia Novoa, que non sempre o exerceu de maneira directa, xa que por matrimonio pasou aos Riazos e Aldao, e logo aos Torrado, señores da casa de Asados en Rianxo. Se ben desapareceron as funcións efectivas do cargo, mantívose a regalía ata a actualidade.

    5. Alférez Maior de Betanzos Oficio outorgado polo Rei Filipe II a Xoán Rouco de Parga polo servizo de 500 ducados no 1591, a pesar da oposición da cidade de Betanzos ao nomeamento. O título ficou vencellado á familia Rivera, devanceiros da condesa de Pardo Bazán.

    6. Alférez Maior de Lugo Título con voz e voto de rexedor, e facultade de nomear Tenente, concedido a perpetuidade e por xuro de herdade a Xoán Osorio de Escobar o 24 de marzo de 1652.

    7. Alférez Maior de Ourense Cargo outorgado no ano 1591 polo Rei Filipe II, malia a resistencia da cidade, ao capitán Benito de Prado.

    8. Alférez Maior de Viveiro Cargo que desempeñaron algúns rexedores do concello de Viveiro pertencentes a destacadas familias (Pardo Baamonde, Osorio Belaño e outras).

    9. Alférez Maior do Reino de Galicia Título concedido en Madrid o 1 de marzo do 1552 por Real Privilexio do Rei Carlos I e a súa nai Xoana aos irmáns Lope Taboada de Lemos e Gabor Taboada de Lemos. Así mesmo, este privilexio concede a Lope Taboada Lemos e aos seus sucesores os títulos de Alférez Real dos Fidalgos do Reino de Galicia, Monteiro Maior e Almirante de calquera navío ou galeira onde embarcase o monarca, así como o voto en todas as cidades do Reino de Galicia, reservando o coñecemento de todas as causas á Real Cámara.

    10. Alférez Real dos Fidalgos do Reino de Galicia Título concedido á casa de Taboada-Orbán de Lugo. Representante ante a monarquía dos intereses da fidalguía media de Galicia, que o habilitou para reivindicar mercedes e privilexios. Como representante e protector dos seus intereses, a fidalguía, sobre todo a rural, máis afectada ca a urbana polas constantes campañas militares dos séculos XVI-XVII, pretendía que o Alférez Real dos Fidalgos do Reino de Galicia puidese actuar á marxe das xuntas, con facultade para invalidar impostos efectuados polas cidades e os seus rexedores, levar un libro de “xente de guerra”, servir no goberno da praza da Coruña e mesmo revistar as sentencias da Audiencia; así mesmo, reclamábaselle a prerrogativa do levamento da ofrenda o día do Apóstolo, festa solemnizada por toda a nobreza galega, considerando os naturais case como ofensa que a levase o Presidente da Real Audiencia ou a persoa que por el fose designada. En realidade, o que tentaba a fidalguía a través da concesión de poderes a este cargo era cortar o poder das institucións da monarquía absoluta centralista impostas a finais do século XV despois da derrota da nobreza galega irredenta.

Palabras veciñas

alfeneiro | Alfeo | alferecía | alférez | alferga | Alferga | Alfergueta