Alfonsín Foulkes, Raúl
Político arxentino, fillo de pai galego. Avogado e membro da Unión Cívica Radical, foi hostil ao peronismo e aos réximes militares consecutivos. No 1982 converteuse en líder máximo do seu partido. Tras a caída da ditadura militar e a celebración de eleccións libres en outubro de 1983 chegou a Presidente da República. No seu mandato tivo que afrontar unha grave crise económica, en que a inflación se disparou ata límites insostibles. A desvalorización da moeda oficial, o peso, obrigou o seu goberno a establecer unha nova moeda, o austral, e a adoptar unha serie de medidas de austeridade en 1985. A outra gran tarefa que debeu emprender foi a reorganización democrática do seu país, que incluía a difícil cuestión dos xuízos contra os oficiais do período da ditadura: os xenerais e almirantes, máximos reponsables das xuntas militares que gobernaron o país dende 1976 ata 1983, foron procesados, condenados e encarcerados. Para os oficiais de baixa graduación e tropas que participaran nos atentados contra os dereitos humanos ditáronse as leis de Punto Final (1986) e de Obediencia Debida (1987), que os descargaban de toda responsabilidade e os exculpaban. Durante o seu mandato houbo tres tentativas de Golpe de estado: en 1987, en 1988 e en 1989. Nas eleccións de maio do 1989 sufriu unha franca derrota diante do candidato do Partido Xusticialista (peronista), Carlos Saúl Menem, ao que cedeu a presidencia o 8 de xullo dese mesmo ano. A Xunta de Galicia concedeulle a Medalla de Ouro de Galicia.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Chascomús, Bos Aires -
Falecemento
Lugar : Bos Aires