alienación
(< alienar)
-
s
f
Acción e efecto de alienar.
Sinónimos: alleamento. -
s
f
Acto polo cal unha persoa transmite a outra ou a outras o dominio ou outro dereito sobre unha cousa ( disposición).
-
s
f
[FILOS/SOCIOL]
Na tradición filosófica idealista, que procedente dos clásicos grecolatinos chegou a Hegel a través de Agostiño de Hipona, a alienación é un estado de perda, separación e afastamento. Hegel definiuna como o estado en que unha realidade se atopa fóra de si, polo tanto, exteriorízase ou obxectívase; en Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito, 1807), defende que a natureza é unha obxectivación do espírito e, neste sentido, é espírito alienado. Algúns discípulos de Hegel, como Bauer ou Feuerbach, secularizaron estas nocións e identificaron a obxectividade cos resultados da acción humana, afastados da conciencia que os creou. Foi Marx, quen, radicalizando a filosofía de Feuerbach, deu un significado sociolóxico á alienación, que pasou a considerar articulada no seo das condicións sociais e en especial da explotación económica. Nas súas obras de mocidade, nas que máis se preocupa da cuestión, define a alineación ao redor dos seguintes eixes: o obreiro atópase afastado ou alienado do produto do seu traballo, que non lle pertence; alienado da actividade laboral mesma; alienado do resto da sociedade, principalmente da burguesía, que o explota; alienado de si mesmo, pois está escindido do mundo e da súa propia actividade, que lle é allea. Daquela, a alienación é para Marx a escravitude propia do modo de produción capitalista. Nas obras de madurez parece non estar presente o concepto de alienación dun xeito axiolóxico; sen embargo, atópase no seu concepto de feitichismo da mercadoría, recollido en Das Kapital (O capital, 1867). A sociedade comunista abre, segundo Marx, a posibilidade de que o home desenvolva plenamente as súas capacidades superando as limitacións impostas pola división do traballo. O concepto foi novamente actualizado, dentro da tradición marxista, por Lukács, quen o integrou na noción de cousificación e o xeneralizou para referirse á condición humana baixo o capitalismo. A Escola de Frankfurt (Adorno, Marcuse, Habermas) revisou o concepto na mesma tradición marxista. Limitada á súa significación técnica, este concepto foi empregado no campo estricto da filosofía por diferentes correntes de pensamento, principalmente polo Existencialismo (Sartre, Merleau-Ponty). As correntes sociolóxicas non marxistas (Blauner, Braverman) empregan na actualidade o concepto de alienación no contexto da automatización da produción.
-
s
f
[PSIC]
Enfermidade mental.
Ex: Foi ingresado pola alienación que padece dende aquel accidente.
Confrontacións: demencia, loucura. -
s
f
[LING]
Carencia de vontade de ser dos individuos que integran unha comunidade lingüística. Implica unha ausencia de consciencia lingüística, que prexudica o proceso normalizador nunha comunidade bilingüe.
Refráns
- Estamos no lugar e non vemos as casas.
- Fala da caza e tena na casa.
- O sol da porta non quenta.
- Vemos menos o que está máis preto.