Allende Gossens, Salvador

Allende Gossens, Salvador

Político chileno. Licenciado en Medicina (1932) e cofundador do Partido Socialista Chileno (1933), foi Ministro de Sanidade nos gobernos de P. Aguirre Cerda (1939-1941, 1941-1942). Senador dende 1945, ocupou o cargo de Presidente do Senado no 1952. Como representante da coalición de esquerdas Unidad Popular, acadou a Presidencia do Goberno de Chile no 1970. A súa política afanouse nun tránsito pacífico ao socialismo. Nacionalizou os bancos, as minas de cobre e algunhas grandes empresas, o que o enfrontou duramente cos poderes fácticos da oposición de dereitas, tendo que afrontar fortes presións estadounidenses, tendo en conta os grandes intereses que os EE UU mantiñan no tecido industrial e económico de Chile. En setembro do 1973 foi derrocado por un golpe de estado militar, que contou con apoio loxístico e material estadounidense, rematando co réxime democrático. Rexeitando a posibilidade de fuxir e poñerse a salvo, Allende morreu defendendo o Palacio da Moeda, sede do goberno chileno; a versión oficial persistiu na versión do suicidio malia as vinte e tres feridas de bala do seu corpo. Allende convertérase nun símbolo da transición pacífica ao socialismo nos países descolonizados; a súa morte causou un recruamento das guerrillas revolucionarias de Iberoamérica, ao tempo que, polo “efecto dominó” (como se adoita denominar en política internacional), moitos estados do Cono Sur caían, nalgúns casos durante máis dunha década, baixo ditaduras, especialmente militares, que polo seu comportamento social cómpre denominar como fascistas.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Valparaíso

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Chile