Allué Andrade, Xosé Lois
Científico, profesor e investigador. Cursou estudios de Ciencias Físicas e de Enxeñería Técnica Forestal. É investigador científico no Instituto Nacional de Investigacións Agrarias, especialista en Fitoclimatoloxía e profesor de Silvicultura na Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal. Entre outros cargos, desempeñou o de secretario xeral da Sociedade Española para o estudo dos pastos, secretario da European Grassland Federation, subcoordinador nacional do programa de investigación de pastos e profesor de repoboacións na Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal. Recibiu varios premios en recoñecemento do seu labor investigador: a Cruz do Mérito Agrícola, o Premio de Publicacións INIA e o Certificate of Apreciation Foreing Research and Technical Programs dos EE UU. Formulou tres difundidos modelos de análise fitoclimático, considerados referentes indispensables, e un método de diagnose, avaliación e prescrición ecoculturais, ademais do estudo monográfico dunhas oitenta especies pascícolas. Todos os seus estudios biolóxicos, ecolóxicos e climatolóxicos están recollidos en máis de cento cincuenta publicacións, entre as que destacamos: Aflorestation in arid zones, Studes of botany, ecology, biology and pascicology of the principal existing especies in the spontaneous pasture grounds of our semiarid regions, Problemas y expectativas de la investigación piscícola (1982) e Atlas Fitoclimático de España (1990). Dende a súa mocidade foi asiduo do desaparecido grupo formado por Piñeiro, Fernández de la Vega, Fole, Pimentel e outros; tamén pertenceu á xeración posterior de Uxío Novoneyra, Camilo Gonsar, Tino Grandío, Xabier Pousa, Reimundo Patiño, Manuel María, Carlos Oroza, Xesús Alonso Montero, Xaime Magariños e tantos outros. En galego e no terreo da creación literaria publicou artigos e poemas en Grial, participou nos volumes colectivos Paisaxe e cultura (1955), Homenaxe a Otero Pedrayo (1958), O noso sentimento da paisaxe (en colaboración con Cunqueiro, Bonet Correa e Otero Pedrayo), Cinco pezas pra cembalo, Vintasete murais pra Tino, O caso Grandio, Dicionario aproximado, Canciones callejeras y sentimentales, Sonata para un hombre solo e Liturxias pró Nadal.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Monforte de Lemos