almohade

almohade

(<ár al-muwaḥḥid ‘o monoteísta, o unificador’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos almohades.

  2. s

    Individuo da seita islámica almohade da tribo bérber dos masmuda.

  3. s [HIST]

    Secta islámica fundada por Muḥammad ibn Tumart, da tribo bérber dos masmuda nos confíns do Atlas. Defendía a existencia dun deus único e as excelencias do Alcorán e a suna ante o crecente antropomorfismo relixioso dos musulmáns. Aínda que en vida do fundador a secta quedou reducida ao Grande Atlas, cando chegou ao poder o bérber zenata ‘Abd al-Mu’min (1130-1163), quen tomou o título de califa de amīr al-mu’mī-nīn, dominaron desde Marrocos ata Exipto e expulsaron aos almorábides, aos hammaditas (1151) e aos normandos. ‘Abd al-Mu’min iniciou a conquista do Al-Andalus (1147) e atopouse coa alianza de ibn Mardanis, da Taifa de Murcia, e os Banū Gāniya con Afonso VII de Galicia e León. Al-Andalus foi dominado (coa excepción das Balears, que resistiron ata o 1203) durante o Califato do seu fillo Abū Ya´qūb Yūsuf, quen se estableceu en Sevilla (1172), aínda que Marraquex continuou como capital nominal. Abū Ya´qūb Yusūf non puido frear os progresos da reconquista e morreu (1184) loitando contra os portugueses axudados por Fernando II de Galicia e León. O seu fillo Abū Yūsuf Ya´qūb al-Mansūr (1184-99) derrotou a Afonso VIII de Castela na Batalla de Alarcos (1195), última gran vitoria do poder almohade, o que quedou aniquilado nas Navas de Tolosa (1212) polos exércitos navarro, portugués, castelán e aragonés, durante o Califato de Muhammad ibn Ya´qub al-Nasir (1199-1214), que se anexionou ás Balears. Os oito califas que o sucederon non puideron evitar o nacemento de dinastías ao N de África e de taifas no Al-Andalus. Fernando III e Xaime I de Aragón recurtaron os dominios musulmáns peninsulares (reconquista das Balears do 1229 ao 1235, Córdoba no 1236, València do 1232 ao 1238). Os almohades derrubáronse ante os benimerinos, que se apoderaron de Marraquex en 1269. Cómpre destacar a construción da Giralda de Sevilla e o traballo dos filósofos Ibn Ṭufayl e Ibn Rušd. Os almohades reformaron a moeda e crearon a masmudina.

Palabras veciñas

almogávar | almogavaría | Almogía | almohade | Almoharín | Almoina | Almoíña