Alonso del Real y Ramos, Carlos
Historiador e investigador. Catedrático de Prehistoria e Etnoloxía da Facultade de Filosofía e Letras, logo da de Xeografía e Historia, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais dos seus estudios sobre prehistoria e protohistoria, investigou unha ampla diversidade de temas, acadando sona de erudito en moitas disciplinas, dende a historia das relixións ata a etnoloxía. Froito destas investigacións son os seus escritos Realidad y leyenda de las amazonas (1967) ou Esperando a los bárbaros (1972). Unha constante na súa obra foi o intento de comprensión da prehistoria dende unha perspectiva sociolóxica, situándose na tradición que Gordon Childe e Leroi-Gourhan principiaran. As súas obras máis influentes foron Sociología Prehistórica y Protohistórica (1961) e Nueva Sociología de la Prehistoria (1976). Realizou diversos traballos sobre a cultura galega e de investigación arqueolóxica en diversos lugares de Galicia, dirixindo as escavacións do castro de Fazouro, investigando o Megalitismo do Morrazo, os restos romanos e paleocristiáns de Ferreira de Pantón e os xacementos arqueolóxicos de Vilalba e Toén. Participou en congresos e encontros nacionais e internacionais. Outras publicacións súas que cómpre salientar son Sociología pre y protohistórica (1961), Descubrimiento de “un” Mediterráneo (1962), Realidad y leyenda de las amazonas (1967), Superstición y supersticiones (1971), Esperando a los bárbaros (1972), Nueva sociología de la Prehistoria (1977) e Prehistoria alfonsí (1982). Colaborou tamén na revista Grial, con diversos artigos relacionados coa cultura galega, e noutros medios como Cuadernos de Estudios Gallegos, Brigantium, Tintimán e Gallaecia.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso