Alonso Girgado, Luís
Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1968) e Catedrático de Ensino Medio de Lingua e Literatura Españolas, alterna a docencia coa crítica literaria. Foi secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde traballou na Sección de Literatura Galega. No xornalismo literario foi un dos fundadores do suplemento “El Correo Cultural” de El Correo Gallego e ten publicado artigos en numeros medios (La Voz de Galicia, Grial, Encrucillada, A Nosa Terra, Boletín Galego de Literatura, etc).
Realizou diferentes estudos e edicións entre os que destacan Antre dous séculos (1990), de Xerardo Álvarez Limeses; Teatro galego (1993), de Ramón González Alegre; Á lus do candil (1993), de Ánxel Fole; Poesía galega completa (1994), de Luís Amado Carballo, Obra poética galega, de Luís Amado Carballo (2001) e Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos, de Álvaro Cunqueiro (2011).
En colaboración, ten realizado edicións e estudos como D’o mar e d’a terra, de Francisco Mª de la Iglesia (1994); Ánxel Fole e Á lús do candil (1997); Poemas galegos, de Xoán Vidal Martínez (1998) e Era un son de buguina, de Agustín González López (1998). Preparou e editou as antoloxías Rosalía de Castro na súa vida, nos seus versos (1986), Antoloxía do conto galego. Século XX (1989), O relato breve. Escolma dunha década (1980-1990) (1990) e as fotobiografías de Rosalía de Castro (1985), Valle-Inclán (1985) e Castelao (1986). Traduciu ao galego en colaboración con Xurxo Sierra Veloso, o poemario Os círculos do inferno (1997), do escritor canario Justo Jorge Padrón; e ao castelán o volume Rosalía de Castro, rosa de sombra (1994) e a peza teatral Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño (1996).
Dentro da súa actividade no Centro Ramón Piñeiro coordinou as edicións facsímiles das revistas literarias Aturuxo (1994), Alba (1995), Posío (1995), Gelmírez (1995), Posío. Arte y Letras (1996), Suplemento del Sábado de La Noche (1996), Resol (1997), Cristal (1998), Galiza (1999), La Alborada (1999), Cultura Gallega (1999). En castelán cómpre salientar as edicións Los dinosaurios y otros relatos (1993), de Gregorio Ortega; as antoloxías Antología de la poesía hispanoamericana. Siglo XX (1990), Cuentos populares (1993), así como o estudo Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez. Guía de lectura (1993), A Saudade nos poetas gallegos, de Ramón Cabanillas (2000), Sulco e vento, de Álvaro de las Casas (2004), Yunque (periódico de vanguardia política). Lugo, 1931-1932 (2006), Cartas a José Luis Pensado, de Ramón Piñeiro (2009), e Remuíño de prosas, de Álvaro Cunqueiro, 2011.
Recibiu o Premio Manuel Lorenzo Barja no 2009.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ferrol